publicidade hoxe

Xunta e Oviganic Ibérica impulsan o sector ovino e cabrún en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O conselleiro do Medio Rural na sinatura do convenio

O conselleiro do Medio Rural na sinatura do convenio

A Xunta e Oviganic Ibérica impulsan o sector ovino e cabrún en Galicia coa sinatura dun acordo para a compra do leite que produza este gando na nosa comunidade. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe asinou un protocolo de colaboración ao respecto co director xeral da empresa Oviganic Ibérica S.L., Joaquín Garrido Martín. Na sinatura tamén estivo o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Neste sentido, o conselleiro destacou a importancia de pechar acordos deste tipo con entidades que teñan capacidade e estean dispostas a comprar produtos galegos.

Deste xeito, o Goberno galego e a empresa con sede en Monforte de Lemos comprométense a traballar para incrementar o número de explotacións de ovino e de cabrún na nosa comunidade. Nesa liña, o conselleiro destacou que estas gandarías permiten poñer en valor terreos de escaso valor agronómico pola súa pedregosidade, pendente, accesibilidade ou dificultade de mecanización, sendo así ademais os máis difíciles de xestionar en caso de lumes forestais. Así, avogando por este tipo de produción -recalcou- non só se crea actividade económica coa incorporación de novos emprendedores e co incremento da sostibilidade, da competitividade e do desenvolvemento integral do rural, senón que se facilita a reorganización territorial e se avanza na anticipación aos incendios.

No marco do protocolo de colaboración, a Xunta e Oviganic Ibérica S.L. tamén perseguirán asegurar a viabilidade dos proxectos de industrialización agroalimentaria que completen a transformación e dean valor engadido aos produtos procedentes das explotacións galegas de ovino e de cabrún. Neste senso, na medida en que exista dispoñibilidade de leite de ovella ou de cabra nas explotacións galegas -tanto de produción ecolóxica como convencional- as dúas partes colaborarán para que a transformación se produza en Galicia de xeito estable, favorecendo as canles curtas de comercialización para permitir unha maior repercusión do valor engadido nos produtores e colaboradores.

Por último, o Goberno galego e a empresa monfortina comprométense a difundir este tipo de gandarías entre as comunidades veciñais de montes en man común, as sociedades de fomento forestal e as empresas de produción e transformación de leite.

Fonalmente, o conselleiro do Medio Rural aludiu ao papel clave que terá a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no desenvolvemento destas gandarías, no marco da cal xa están aprobadas 14 aldeas modelo e promovidas outras figuras como os polígonos agroforestais, para poñer terra produtiva a disposición de quen a precise.
Cabe engadir que Oviganic Ibérica S.L. leva 35 anos asentada no concello lucense de Monforte de Lemos, desenvolvendo en Galicia -de xeito innovador e en exclusiva- determinados programas de industrialización e comercialización de produtos lácteos de ovino e de cabrún, pero tamén de vacún. Nesa liña, a empresa ten prevista a ampliación da súa planta para a elaboración de produtos finais de alta especialización e valor engadido, como leite enteiro e desnatado en po, soro en po desmineralizado, manteiga e outras materias primas de produtos industriais.

16 de xuño de 2021 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.