publicidade hoxe

Educación inviste 671.000 euros na rehabilitación enerxética do CEIP Felipe de Castro, en Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNoiaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está levando a cabo as obras de rehabilitación enerxética do CEIP Felipe de Castro, en Noia, que supoñen un investimento de preto de 671.000 euros por parte do Goberno Galego a través de Fondos FEDER.

A conselleira Carmen Pomar achegouse esta mañá ao centro para comprobar o desenvolvemento dos traballos, que están avanzando a bo ritmo durante o período estival.

Estas obras inclúen a substitución do actual material de cuberta do CEIP por outro de panel tipo sandwich de dobre chapa de aceiro galvanizado con illante intermedio e acabado lacado, especial na cara exterior; o illamento da fachada exterior mediante sistema SATE, e o illamento do teito da planta superior de separación co espazo baixo cuberta. Así mesmo tamén se substitúe a actual carpintería das ventás e portas exteriores por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética de tecnoloxía led. Finalmente procederase á eliminación dos antigos armarios de obra que existían en algunhas aulas co fin de ganar superficie e mellorar a funcionalidade das mesmas, ao pulido e abrillantado do pavimento de terrazo, e á reparación e pintado de paramentos interiores segundo o estudo cromático realizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para este tipo de obras.

A rehabilitación integral deste centro enmárcase no Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021 que contempla un total de 31 obras deste tipo (22 delas con cargo aos fondos de superávit) que se están levando a cabo en toda Galicia. En concreto, na provincia da Coruña, ademais desta de Noia, hai outras sete noutros tantos concellos.

29 de xullo de 2019 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.