publicidade hoxe

Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer dos servizos avanzados que posibilitará o 5G en eidos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaTui
A-
A+
O presidente galego no acto celebrado en Tui

O presidente galego no acto celebrado en Tui

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer dos servizos avanzados que posibilitará o 5G en eidos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios.

Durante o acto celebrado con motivo da primeira conexión 5G Vodafone en mobilidade (roaming) a nivel mundial, entre Tui e Valença do Minho, Feijóo aseverou que a comunidade galega quere seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar a calidade dos servizos públicos básicos, como a sanidade –coa prestación de servizos médicos a distancia- ou a educación; incrementar a competitividade das empresas; e favorecer o desenvolvemento das cidades intelixentes e os vehículos conectados.

Para isto, resaltou que a Comunidade conseguiu conformar un nodo 5G, co compromiso dos tres principais operadores -Vodafone, Telefónica e Orange- para realizar 9 casos de uso de 5G ata o 2020. Ao respecto, destacou, a modo de exemplo, os tres proxectos piloto de Vodafone: un en materia de extinción de incendios. Outro sobre a ambulancia 5G, conectada en tempo real a través de redes sen fíos de alta capacidade que permite a monitorización do paciente crítico remoto. E, en relación á terceira iniciativa, Feijóo destacou a aposta polo coche conectado, para a mellora na xestión do tráfico en interseccións coa comunicación entre vehículos e viandantes, entre outros aspectos.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia non so quere estar presente nesta revolución cotiá que imos vivir, senón que conta ademais con capacidade e fortalezas para posicionarse: con empresas tractoras en sectores como a automoción, o téxtil ou a alimentación; cun hipersector TIC, formado por 3.400 empresas e máis de 23.000 profesionais; con universidades e centros tecnolóxicos en ámbitos como as telecomunicacións, a supercomputación e a automoción, ou a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo; con proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G, como o corredor entre Vigo e Porto para realizar ensaios transfronteirizos en torno ao vehículo conectado; e co operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos en rede.

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé na importancia de ofrecer formación neste eido, mentres os diversos sectores profesionais toman conciencia das oportunidades e cambios que pode supoñer o 5G en conxunción con outras tecnoloxías, referíndose á posta en marcha, en setembro, do novo Curso de Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial. Non en van, estímase que só en España o impacto económico do 5G nos sectores da automoción, saúde, transporte e servizos públicos será de máis de 14.600 millóns de euros antes do 2025.

Feijóo concluíu reiterando que Galicia aspira a seguir posicionándose no eido do 5G como a única Comunidade en presentar iniciativas dos tres operadores ás axudas estatais para subvencionar pilotos 5G. “E a cidade de Vigo e a cidade da Coruña converteranse nas dúas primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G” abundou.

Primeira conexión transfronteriza con 5G a nivel mundial

Vodafone España e Vodafone Portugal, xunto a Ericsson levaron a cabo hoxe a primeira conexión 5G de datos transfronteriza do mundo, entre as localidades de Tui e Valença do Minho.

Deste xeito, dous xogadores profesionais do equipo Giants Vodafone (Fox y Tojor) completaron o traxecto entre Tui e Valença en dous coches mentres xogaban en sendas tablets a PUBG Mobile.

Durante o traxecto os gamers desfrutaron das vantaxes do 5G, con valores de latencia inferiores a 10ms e velocidades superiores aos 700Mbps.

O gaming é un dos sectores que se verá máis beneficiado desta tecnoloxía, xa que proporciona as latencias necesarias para xogar en tempo real en calquera momento e en calquera lugar. O 5G reducirá notablemente os tempos de resposta das apps móbiles, permitindo a aparición de novas categorías de xogos móbiles, así como de potenciais campionatos e ligas profesionais nestas plataformas.

22 de maio de 2019 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.