publicidade hoxe

José Mª Ezequiel Ferrer presenta en Silleda o seu primeiro libro “Santuario da Nosa Señora dos Desamparados”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSilleda
A-
A+

presentacion abadesO Santuario de Nosa Señora dos Desamparados (na parroquia de Abades, SILLEDA) acolle o sábado 13 de abril, ás 17.00 h, a presentación do libro “Santuario da Nosa Señora dos Desamparados” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de José Mª Ezequiel Ferrer, unha obra de investigación sobre o Santuario de Abades e toda a súa influencia patrimonial e cultural.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do párroco de Abades, José Pérez; do ex-párroco de Abades, Manuel Villar; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e do alcalde do Concello de Silleda, Manuel Cuíña.

Durante o acto, contarase co acompañamento musical do Irmán Jaime (do Santuario da Saleta), xunto con Pili, Adrián e Sheila. 

A obra 

Santuario da Nosa Señora dos Desamparados estrutúrase como unha obra cuxo obxectivo fundamental é encher un baleiro existente na historia social da parroquia de Abades, que conta cun patrimonio paisaxístico, histórico e monumental de gran valor relixioso. Busca penetrar na intrahistoria da parroquia e expoñer feitos cronolóxicos de xeito que o abadeiro ou abadeira e o foráneo poidan posuír uns coñecementos do onte da parroquia que lle axuden a entender e a comprender no día de hoxe a xente desta terra; como forxa dun mellor futuro para todos, como centro da investigación nun aspecto social. 

Trátase dun compendio que comeza no século VIII coa vella igrexa románica e no que, cronoloxicamente se van sucedendo datos sobre a peregrinación da imaxe, os milagres, os frescos, os clérigos e o porqué da súa arquitectura. Tamén se recollen datos relativos á cultura prehistórica, ás rosquillas, ás camiñatas e ás persoas que naceron na parroquia. É, por tanto, puro Abades. 

Colaboracións

Esta obra non sería posible sen a colaboración inestimable dun equipo de investigación composto polo sancristán do santuario Antonio Rodríguez, a estudante e investigadora Silvia Escuredo, o xeógrafio Afonso Leal, a xestora de patrimonio Alba Cuñarro, a filóloga Sara Villar, a fotógrafa Tania Cuíña e a arquitecta Natalia Campos. 

Así mesmo, para que a súa publicación fose unha realidade, contouse coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

O autor 

José Mª Ezequiel Ferrer (Zaragoza, 1957) trasládase definitivamente a Silleda en 1988 onde reside coa súa familia e comeza a interesarse pola investigación histórica e, especialmente, polo mundo das heráldicas. Sempre dun xeito lúdico, nunca de forma profesional, esta obra, “Santuario da Nosa Señora dos Desamparados” é a súa primeira incursión literaria cun traballo de investigación de máis de tres anos que agora espera a súa recompensa en forma de interese lector.

10 de abril de 2019 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.