Medio Ambiente investirá 65.000 euros para que o concello da Lama conte cun novo parque biosaudable antes do verán
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello da Lama, en Pontevedra, na execución dun parque biosaudable en Eido de Abaixo, na parroquia de Xesta. A actuación terá un custo total de 91.003 euros, dos cales o 70%, -é dicir, 63.702 euros- serán financiados pola Xunta, mentres que o 30% restante correrá a cargo do propio concello.
Así o avanzou esta mañá a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do correspondente convenio de colaboración co alcalde da Lama, Jorge Canda, un acordo que mellorará a calidade de vida dos veciños ao poñer á súa disposición unha ampla área de esparexemento que sirva como punto de encontro para compartir o seu tempo de lecer.
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a oportunidade de escoller a parroquia da Xesta para localizar o novo parque biosaudable, xa que é un dos puntos da Lama que no verán experimenta un maior aumento de habitantes pola chegada de veciños e familiares procedentes da emigración.
Concretamente, o proxecto ten por obxectivo executar unha nova zona de recreo, a carón dun parque infantil xa existente, de máis de 1.100 metros cadrados e que disporá de xogos biosaudables para adultos, mesas e bancos, unha pérgola, unha fonte e unha zona con asador. Así mesmo, tamén se efectuarán traballos para a mellora da accesibilidade que consistirán na urbanización do viario e na execución de beirarrúas, ademais de acondicionarse a contorna co fin de dotala dun aparcadoiro axeitado.
Unha vez contratadas as obras, o prazo de execución previsto é de tres meses polo que, tal e como resaltou a conselleira, o obxectivo é que o novo parque biosaudable poida estar rematado e xa en servizo antes do verán, de tal xeito que todos os veciños da Lama e particularmente os da Xesta poidan aproveitar esta infraestrutura pública coincidindo coa chegada do bo tempo.
Actuacións no 40% dos concellos galegos
Esta actuación, como lembrou a conselleira, enmárcase dentro dos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais con actuacións coma esta, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso público e común. De feito, grazas a este programa son xa 200 as actuacións postas en marcha nun total de 125 concellos, o que representa case o 40% dos municipios de Galicia.