publicidade hoxe

O poemario infantil “Un mundo quentiño” de Mónica Varela, ilustrado por Amalia López Brea “Luchi”, preséntase na Casa da Cultura de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSilleda
A-
A+
un_mundo_quentiño_edicions_fervenza

Portada do libro

A Casa da Cultura de Silleda acolle este venres 18 de xaneiro, ás 20.30 h, a presentación do poemario infantil “Un mundo quentiño”, da autoría de Mónica Varela Gestoso e ilustrado pola veciña de Lamela, Amalia López Brea “Luchi”, que publica Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, autora e ilustradora estarán acompañadas do escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo; e do alcalde do Concello de Silleda, Manuel Cuíña.

Colaboracións

A publicación deste poemario contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Concello da Estrada e o Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.

A obra

Dirixido ao público infantil, Un mundo quentiño constitúe un poemario no que, explorando o que nos rodea descubrimos un mundo sorprendente en todo aquilo que está ao noso carón: caracois nos estantes dos libros, landras e bugallos na alfombra do salón, formigas no chineiro da cociña… Buscamos tesouros nas cortizas das árbores, detrás das follas, nos balados… A fada da chuvia vén a mollarnos, collemos leña para acender o lume e asamos as castañas… Todo un mundo quentiño que, cada día, nos permite coñecer a maxia do cotián.

Para que esa maxia se traslade das verbas aos máis cativos, cada un dos poemas acompáñase de fermosas ilustracións realizadas por Amalia López, “Luchi”.

A ilustradora

Amalia López Brea “Luchi”, naceu na parroquia de Lamela, no Concello de Silleda. Licenciada en Bioloxía e diplomada en Maxisterio é unha apaixonada da pintura. A súa obra abarca óleos, acuarelas, pasteis graxos, carboncillo e lapis de cor.

Participou con ilustracións en distintas publicacións tanto no campo musical como infantil e de adultos: no disco-libro Cantos para nenos e nenas de María do Ceo; Cartafol poético da Porta do Sol de Lamela; no poemario infantil Versos e bolboretas de Mónica Varela Gestoso; e no disco-libro A Estrada da vida de Xosé Luna e Manoele de Felisa.

A autora

Mónica Inés Varela Gestoso, naceu na parroquia de San Miguel de Deiro no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa o 30 de novembro de 1968.

Cursou estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciou en Filoloxía Hispánica no ano 1991. Na actualidade reside en Teo e exerce como profesora de Lingua e literatura castelá no IES Manuel García Barros da Estrada. Deuse a coñecer no panorama poético galego coa obra Soños de nenos (Edicións Embora, 2017), coa que acadou o Premio Arume de poesía para nenos 2015, outorgado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Versos e Bolboretas, dirixida tamén ao público infantil e publicada por Edicións Fervenza, foi a súa segunda obra.

15 de xaneiro de 2019 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.