publicidade hoxe

Ethel Vázquez anuncia o inicio da contratación das obras de humanización da travesía de Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNoiaPortada dereita
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Noia

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Noia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe o inicio da contratación das obras de humanización da travesía da estrada AC-311, en Noia, coa vista posta en comezar os traballos no 1º trimestre do 2019 e telos rematados antes do verán, cun investimento da Xunta de 270.000 euros.

Vázquez Mourelle mantivo esta mañá unha reunión no concello co alcalde, Santiago Freire, coincidindo coa licitación hoxe mesmo deste proxecto de mellora integral na contorna da Igrexa de San Bernardo, para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade ao seu paso polo centro urbano.

Dou conta do proxecto realizado para o acondicionamento e reurbanización desta travesía da AC-311, e adiantou as principais actuacións programadas. Trátase dunha actuación que engloba un treito de aproximadamente 400 metros, entre a estación de servizo existente e a igrexa de San Bernardo, que permite a reordenación do espazo na contorna da igrexa de San Bernardo.

Sinalou que na intervención se actuará estreitando os carrís de circulación do tráfico rodado, ampliando as beirarrúas e executándoas nos treitos onde non as hai. Trátase, engadiu, de gañar espazo para as persoas, para facilitar os desprazamentos dos veciños, e garantir un tránsito peonil cómodo e seguro.

Indicou que o proxecto prevé tamén a execución de 3 pasos de peóns sobreelevados, para reforzar a seguridade dos viandantes, os usuarios máis vulnerables das estradas. Ademais, vanse reordenar os aparcadoiros, recolocaranse os sumidoiros e renovarase a capa de rodadura.

Unha actuación, dixo, que se completará coa dotación de mobiliario urbano e o acondicionamento de zonas verdes, pequenas franxas axardinadas que contribúan a facer desta travesía un espazo máis humano e máis atractivo.

Na reunión co rexedor de Noia, a conselleira ademais de explicar as características deste ambicioso proxecto que da resposta ao demandado desde concello, referiuse tamén os distintos proxectos de futuro que está a impulsar o seu departamento para Noia, con actuacións que favorecen os desprazamentos dos veciños por importe de preto de 1 millón de euros.

Ethel Vázquez adiantou así os importantes proxectos que ten en marcha o departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, para a mellora e posta en valor de varias pontes que benefician a o Concello de Noia.

Expuxo que xa está licitado, e próximo á súa adxudicación, o proxecto para completar a iluminación da ponte de Noia. Esta actuación permitira dotar de iluminación ornamental o taboleiro e mellorar a da contorna, potenciando a estrutura e visibilidade da ponte. A mesma esta está previsto iniciarse nos próximos meses para que estea finalizada a comezos do 2019, cun investimento de preto de 330.000 euros.

Tamén está redactado o proxecto para a Mellora da Ponte Ceilán, na estrada AC-550, entre Noia e Outes, na que, entre outras actuacións, se procederá á reparación da varanda. A conselleira sinalou que se esperar contratar as obras este mesmo ano, para a súa execución ao longo de 2019 , cun investimento de 205.000 euros.

E avanzou que tamén está previsto mellorar e poñer en valor a Ponte Nafonso, para o que a Xunta vai a redactar o correspondente proxecto.

Todas estas actuacións, incidiu, serven para seguir favorecendo os desprazamentos dos veciños e incrementar a seguridade viaria, que é obxectivo prioritario da Xunta.

E nesta liña referiuse tamén, a outras actuacións executadas xa polo seu departamento en materia de seguridade viaria. E lembrou a posta en marcha nos últimos meses da senda peonil de Orro, que deu continuidade ao itinerario construído no ano 2016 nesa mesma estrada, a AC-550, que vai a Cee, e que permite aos veciños facer os seus desprazamentos a pé de forma máis cómoda e segura. Nestas dúas sendas a Xunta investiu 90.000 euros.

3 de outubro de 2018 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.