publicidade hoxe

A música de Ariel Ninas e Anxo Faraldo acompaña a nova proposta do ciclo ‘Monumenta, andar con arte’ en Meirás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaSada
A-
A+

A música de Ariel Ninas e Anxo Faraldo acompaña a nova proposta do ciclo Monumenta, andar con arte para o vindeiro domingo 12 de agosto. O océano desde a costa de Ángeles Alvariño é o título da actividade coa que a Consellería de Cultura e Educación recupera a figura da recoñecida oceanógrafa ferrolá. Os camiñantes convidados nesta ocasión son o xeógrafo físico e divulgador científico Juan López Bedoya e o coordinador de Monumenta, Julio Gómez.

A cita é na praia dos Botes de Meirás, no concello coruñés de Valdoviño e a andaina, de pouco máis de cinco quilómetros e dificultade baixa, será circular, percorrendo a costa do Portiño de Meirás, polas penínsulas do Portiño e a Frouxeira, onde se visitará a punta homónima, ademais do faro e o areal de Valdoviño. Trátase dunha camiñada por áreas de dunas, rochas e cantís, durante a que se descubrirán a biodiversidade, o océano e o patrimonio material e inmaterial da zona. Tamén se recuperará a figura da oceanógrafa Ángeles Alvariño (Ferrol, 1916-2005), o seu labor científico e o seu afán de superación nunha época na que ser muller e científica era un reto moi complicado.

Pola súa banda, os músicos Ariel Ninas e Anxo Faraldo ofrecerán aos camiñantes unha peza a medio camiño entre a instalación e o concerto, aproveitando a sonoridade e a memoria do faro de Valdoviño, baixo o que se vai celebrar o espectáculo.

As vindeiras citas de Monumenta

Ata o 2 de setembro, o ciclo seguirá coas andainas en Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu, que contarán con camiñantes convidados para guiar a visita en cada unha das xornadas, ademais de música ao vivo.

Monumenta naceu no ano 2013 como unha experiencia para vivir e sentir o patrimonio, apreciando ao camiñar a súa singularidade cultural e paisaxística. A Secretaría Xeral de Cultura procura con esta iniciativa contribuír cunha oferta cultural descentralizada, moi vinculada co local. Pódese consultar a programación completa sobre o ciclo na páxina web www.cultura.gal e mais en http://monumentagalicia.com/, onde cómpre realizar a inscrición.

9 de agosto de 2018 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.