publicidade hoxe

A Xunta dota a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira do simulador de navegación máis avanzado de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaRiveira
A-
A+

O simulador de navegación da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería do Mar, está programado coas últimas tecnoloxías e especificacións técnicas e é o máis avanzado a nivel nacional na súa categoría. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita a este centro, onde explicou que a Consellería actualizou recentemente o software desta ferramenta de formación e que comezará a usarse no próximo curso.

Na visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a titular de Mar explicou tamén que a actualización deste simulador foi realizada por importe de preto de 210.000 euros. Esta actualización, subliñou Rosa Quintana, é unha mostra da aposta da Consellería do Mar por asegurar un ensino de futuro que garanta o relevo xeracional e a reciclaxe dos nosos profesionais do mar.

Tamén reflicte, engadiu, a aposta da administración galega por adaptar os coñecementos e as capacidades ás novas demandas do mercado laboral para evitar o estancamento profesional e seguir sendo competitivos nunha contorna cada vez máis esixente. Para iso, expuxo, blindamos o eido formativo nos orzamentos para garantir o relevo xeracional do sector.

Así, no orzamento de 2018, a Consellería do Mar incrementa nun 2% os fondos destinados ás ensinanzas marítimo pesqueiras, que xunto co orzamento do 2017, acumulan unha suba do 7%. No caso dos cursos de ensinanzas pesqueiras non regradas, Rosa Quintana sinalou que nos dous vindeiros anos a Consellería do Mar destinará máis dun millón e medio de euros.

En canto á formación no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, a conselleira indicou que esta ferramenta financieira prevé sete millóns de euros para Galicia para a formación profesional, a aprendizaxe permanente, a difusión de coñecementos e a adquisición de novas competencias profesionais.

O simulador

O simulador de navegación da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira conta con tres áreas de traballo, cada unha coas correspondentes funcións. Unha é a área de control de mando principal, onde se representa todo o control de mando e tráfico marítimo. Nela pódese simular todo tipo de condicións que afectan á navegación como tráfico marítimo, condicións e estado do mar, néboa, luces, marcas, faros ou liñas de costa, entre outros.

Outra área de traballo do simulador é a de traballo individualizado do alumnado. Esta conta con cinco mesas –cada unha delas representa un barco- e monitores onde se visualiza o buque concreto que está manexando o alumnado. A terceira zona é a do profesorado, que conta cunha mesa con monitores nos que o profesorado prepara os casos prácticos para enviar posteriormente ás unidades do alumnado e á área principal. A través desta unidade, o profesor supervisa os casos prácticos dos alumnos/as e introduce ou quita elementos que interfiren na navegación.

17 de xullo de 2018 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.