O helicóptero Pesca II da Xunta desenvolveu o pasado ano 24 operacións de rescate, evacuación e busca
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe en Celeiro (Viveiro) a base do helicóptero de salvamento Pesca II, para entrevistarase cos traballadores e coñecer detalles deste servizo que depende da Consellería do Mar.
O Pesca II levou a cabo o pasado ano 24 operacións de rescate, evacuación e busca, ademais de realizar adestramentos e outros labores de inspección que forman parte do seu cometido. Balseiro gabou a “capacidade de resposta case inmediata” que teñen ante situacións de emerxencia e lembrou que este servizo garante a cobertura no litoral galego as 24 horas do día os 365 días do ano.
O delegado afirmou que a Xunta mantén unha firme aposta por este servizo; “estamos comprometidos co seu mantemento e mellora -sinalou-, e agradecemos a vocación coa que desempeñan o seu traballo, que moitas veces vai máis alá do mero cumprimento do deber.
“O mar -incidiu Balseiro- é un medio onde o risco cero non existe, pero as xentes que traballan no sector están moito máis protexidas grazas ao traballo que realizan nesta base”.
Durante a visita, Balseiro estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería do Mar en Viveiro, Pablo Fernández Asensio, e traballadores do servizo. A base de Celeiro consta de dúas tripulacións completas, formadas por piloto, copiloto, gruísta e rescatador, e tamén dispón de dous mecánicos.