publicidade hoxe

Feijóo sinala a Noia como proba de que Galicia é un pobo cheo de empatía, hospitalario e cunha historia que nos une

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaNoiaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego no acto do 850 aniversario

O presidente galego no acto do 850 aniversario

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a Noia como a proba de que Galicia é un pobo cheo de empatía, hospitalario e cunha historia, feita e vivida polos galegos, que nos une. “Noia é o triunfo da xenofilia, da empatía e a hospitalidade”, aseverou.

Durante o acto de conmemoración do 850 aniversario da Carta Pobra do Concello de Noia, Feijóo asegurou que Galicia chega a estas alturas do século XXI como un país rico en experiencias, pero non ancorado no pasado; “histórico pero en incesante transformación”, dixo, incidindo en que Galicia respecta a súa historia e atopa nela un espazo común.

Nesta liña, aseverou que nunca louvaremos dabondo a circunstancia de ter un Día de Galicia sen reminiscencias bélicas, nin alusións a inimigos, nin referencias a vitorias ou derrotas no campo de batalla; “nin a lucidez dos que converteron en himno de todos un poema fermoso que equipara a liberdade do noso país cun espertar”, dixo, recordando e valorando, tamén, o feito de que a nosa gran contribución á historia de España e de Europa sexa un Camiño no cal millóns de peregrinos dialogan “nesa autovía cultural que son os camiños de Santiago”.

Sobre este punto, subliñou que Noia é o Portus Apostoli dese Camiño de Santiago; a porta de entrada de viaxeiros atraídos pola chamada espiritual da nosa terra.

O responsable do Executivo galego concluíu afirmando que a celebración desta conmemoración constata que, no gran mosaico da cultura e do pensamento de occidente, existen trazos indiscutiblemente galegos.

9 de abril de 2018 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.