publicidade hoxe

A Fundación da Semana Verde cederá un dos seus edificios para acoller o futuro Museo do Campo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaSilleda
A-
A+
Alfonso Rueda na sinatura do convenio

Alfonso Rueda na sinatura do convenio

O vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Fundación do Campo Galego, Manuel Iglesias, para facilitar a posta en marcha do que será o futuro Museo do campo e a automoción agraria.

En concreto, a Fundación Semana Verde cederá o edificio do auditorio -cunha superficie de máis de 4.800 metros cadrados-, situado no recinto feiral de Silleda, para acoller estas novas instalacións. A cesión realizarase por 23 anos, aínda que se manterá o uso compartido da zona de restauración e da sala principal do auditorio.

O Museo, que se prevé que poida estar en marcha a finais do vindeiro ano, estará pilotado pola Fundación do Campo Galego, na que participan a Fundación Jorge Jove, Abanca, o concello de Silleda, Agamac (Asociación galega de amigos da maquinaria agrícola clásica) e a Universidade de Santiago de Compostela.

A futura instalación conterá un percorrido pola historia do campo galego e a súa evolución ata o día de hoxe. Ademais, tamén servirá de marco para promoción de cursos, seminarios e outras actividades, aproveitando así as sinerxías que se poidan xerar coa programación da Fundación Semana Verde.

O vicepresidente da Xunta salientou o valor desta iniciativa para seguir dignificando un sector tan relevante para Galicia como é o agropecuario e para seguir promovendo o coñecemento e sensibilización sobre o mesmo.

24 de abril de 2018 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.