publicidade hoxe

Medio Ambiente axilizará os controis de acceso ás Catedrais coa implantación dun novo sistema de lectura de códigos QR

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRibadeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estreará mañá un novo sistema de lectura das autorizacións de acceso ao monumento natural da praia das Catedrais que permitirá axilizar a comprobación e control dos permisos para visitar este espazo durante a Semana Santa. O persoal responsable de realizar estes controis disporá dunha nova aplicación para dispositivos móbiles que permitirá ler os códigos QR que levan incorporadas todas as autorizacións emitidas vía web.

Esta é a principal novidade no sistema de limitación de acceso ao areal que entrará en vigor desde mañá, 23 de marzo, e ata o vindeiro 2 de abril coincidindo co período de Semana Santa. Grazas a esta medida, espérase reducir de forma notable o tempo de comprobación das autorizacións para poder acceder á praia e, polo tanto, o tempo de espera dos visitantes, o que redundará tamén na calidade das visitas.

A diferencia principal co sistema anterior é que os controladores poderán contrastar automaticamente a autenticidade da autorización sen ter que solicitar o DNI a cada visitante para facer un cotexo manual, un procedemento máis lento e laborioso. O novos sistema de lectura de códigos permitirá tamén levar un conteo exacto do número de persoas que entran na praia e contrastalo logo cos que efectivamente solicitaron a autorización, o que permitirá coñecer o número de visitas reais en lugar dos visitantes diarios autorizados.

Por outra banda, durante a campaña de Semana Santa deste ano volverá establecerse un servizo de apoio ao uso público integrado por catro guías, encargados da función de verificación e xestión de visitantes, catro persoas que asumirán o control e xestión das áreas de aparcamento ao tempo que poderán realizar tarefas de apoio aos guías, e catro educadores ambientais, que desempeñarán labores de educación e información medioambiental, incluíndo a realización de visitas guiadas.

Neste sentido, ao igual que en campañas anteriores, ponse á disposición dos visitantes un servizo gratuíto de visitas polo areal. Estes percorridos serán dirixidos por catro persoas tituladas (dúas máis que as que había durante a Semana Santa pasada) e no transcurso dos mesmos darase información sobre os valores ambientais do monumento natural.

As visitas organízanse en dous grupos de 25 persoas cada un e desenvolveranse cada media hora durante a baixamar diúrna, polo que o número de visitas diarias oscilará entre 4 e 8, dependendo das condicións particulares da marea.

Cómpre lembrar que no plan de conservación do monumento natural, que entrou en vigor en xuño de 2015, detectouse que a principal ameaza para esta zona era a afluencia masiva de visitantes á Praia das Catedrais, que se incrementou nos últimos anos, especialmente en tempada alta e coincidindo con días festivos.

Por esta razón, acordouse a regulación do seu uso público, establecendo unha limitación diaria de persoas de 4.812 á zona de praia nos períodos de máxima afluencia, é dicir, durante os meses de xullo, agosto e setembro e na Semana Santa. O resto do monumento natural, pode visitarse libremente polas áreas habilitadas para o uso público: o sendeiro, o miradoiro, ou a área de descanso.

As vías dispoñibles para poder obter autorización para baixar ao areal nos períodos de acceso restrinxido son a través da páxina web ascatedrais.xunta.gal, desde a que se pode solicitar cunha antelación de 90 días naturais e facer ata 25 reservas por solicitante; o tícket do taxi onde debe constar o número de licenza, o traxecto desde Ribadeo ata a Praia das Catedrais, o importe e o número de persoas transportadas na viaxe; ou os pases dispoñibles nos establecementos hoteleiros do concello de Ribadeo onde o visitante estea aloxado.

Tendo en conta o balance de visitantes dos dous últimos anos en Semana Santa, as xornadas nas que se prevé unha maior afluencia son o xoves, venres e sábado santo. En todo caso, nestes momentos aínda quedan prazas libres para poder baixar ata a Praia das Catedrais todos os días nos que se estableceu o período de limitación de acceso e tamén hai prazas dispoñibles para poder participar nas visitas guiadas, que se poden reservar a través da mesma páxina web.

22 de marzo de 2018 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.