publicidade hoxe

A Xunta reforzará o persoal dos xulgados de violencia de xénero da Coruña, Vigo, Ponteareas, Carballo e Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballoLocal PortadaPonteareasPortada esquerdaVigoViveiro
A-
A+

A Xunta reforzará de xeito inmediato o persoal dos xulgados de violencia contra a muller da Coruña e Vigo, así como os de xurisdición compartida de Ponteareas, Carballo e Viveiro. En cada un deles habilitará unha nova praza. Ademais, a Administración autonómica creará tamén 7 prazas de psicólogos nos servizos de atención á vítima das sete grandes cidades.

Esta é unha das propostas postas sobre a mesa de negociación aberta cos representantes dos traballadores da Administración de Xustiza. En calquera caso, esta mellora aplicarase independentemente do acordo que se poida acadar cos sindicatos.

Tamén en materia de violencia de xénero, a Xunta ofreceu o establecemento dun complemento lineal por obxectivos ligados ao traballo en violencia de xénero, que se traduciría no pagamento dunha cantidade aos funcionarios dos xulgados de violencia de entre 50 e 100 euros ao mes, en función do tipo de xulgado.

Todas estas propostas súmanse á oferta da Administración autonómica de incrementar a contía do complemento autonómico transitorio por riba da media do resto de comunidades autónomas, unha suba global de entre 660 e 900 euros ao ano, en función do corpo, e que mellora as condicións salariais dos traballadores con respecto a comunidades como Cataluña, A Rioxa, Aragón, Baleares, Murcia, Estremadura, Castela e León ou Castela-A Mancha. A petición sindical, dun incremento de máis de 3.000 euros ao ano, resulta inasumible para as arcas públicas.

A administración autonómica tamén ten trasladado aos sindicatos o seu compromiso de converter en fixos os postos que levan máis de tres anos con contratos temporais e de ampliar o permiso de maternidade e paternidade aos funcionarios da Administración de Xustiza, que pasarían de 16 a 20 semanas, e de 29 días a 5 semanas, respectivamente.

Como ata o de agora, a Xunta seguirá mantendo o seu compromiso co diálogo e coa necesidade de chegar a acordos consensuados entre ambas partes. Ademais, e de cara a folga convocada para o próximo 7 de febreiro, a Xunta traballará para garantir que se cumpran os servizo mínimos esenciais para que se poidan conxugar o dereito a folga dos traballadores cos dereitos do conxunto da cidadanía.

5 de febreiro de 2018 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.