publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña difunde a historia e a situación actual do Pazo de Meirás nun documental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereitaSada
A-
A+

Un documental de dez minutos é a fórmula pola que a Deputación da Coruña quere difundir a historia e a situación actual do Pazo de Meirás, que a familia Franco ten á venda nunha inmobiliaria. A iniciativa é un dos acordos adoptados pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que se reunirá de novo o vindeiro 1 de marzo para facer públicos os informes xurídico e histórico en que levan tres meses traballando os especialistas.

“O documental ten como obxectivo que se coñeza a verdadeira historia de usurpación e espolio do Pazo de Meirás por parte da familia Franco”, explica Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, organismo que encargou a elaboración do vídeo como un dos acordos tomados na reunión plenaria da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás. A publicación prodúcese cando o proceso de venda do inmóbel é xa unha realidade e a inmobiliaria cántabra á que a familia lle encargou a súa promoción está a utilizar imaxes do NODO que vinculan os distintos espazos coa vida oficial e privada do entón xefe de Estado.

O vídeo está dispoñíbel na páxina da propia Deputación da Coruña e promocionarase o acceso a través das redes sociais da área de Cultura e do propio organismo para dar a coñecer o proceso que levou a residencia da escritora Emilia Pardo Bazán ás mans da familia Franco, pasando por todas as transaccións e o espolio do que foron vítimas de maneira especial á veciñanza da contorna. Investigadores que estudaron a historia recente do Pazo de Meirás, familiares de persoas que perderon bens na zona e a propia vicepresidenta, Goretti Sanmartín son algunhas das voces que se recollen no vídeo que incorpora tamén documentos e imaxes históricas.

“A iniciativa forma parte do traballo que está a desenvolver a Deputación da Coruña encamiñado a que o Pazo de Meirás pase a ser un ben público. Ademais deste aspecto de dar a coñecer a historia, de especial relevancia cando o Pazo está en venda e cómpre impedir que se produza, súmanse os dous informes que presentaremos en breve”, sinala Goretti Sanmartín que cumpre así os acordos da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, constituída a instancia da propia Deputación da Coruña, dun documento que será tamén útil para conseguir que futuras persoas compradoras teñan coñecemento da situación en que se atopa.

Con respecto ao camiño xurídico, Goretti Sanmartín adianta que “se está a traballar de maneira sólida e contundente para que a vía xurídica para que o Pazo pase a ser un ben público sexa exitosa. Non estamos a falar de declaracións de intereses ou vontade senón unha vía que se poda materializar e consiga os seus obxectivos”, sinalou do informe xurídico en que levan especialistas do ámbito levan traballando tres meses e que será presentado en breve.

26 de febreiro de 2018 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.