publicidade hoxe

Medio Ambiente inicia o trámite de participación pública do Plan de conservación do Monumento Natural do Souto da Retorta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoViveiro
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe (http://bit.ly/2wcWAiC ) a resolución pola que se inicia o trámite de participación pública para a elaboración do Plan de Conservación do Monumento Natural do Souto da Retorta, no Concello de Viveiro. 

O Souto da Retorta, tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín, é un predio situado a carón do río Landro, pertencente a parroquia de Chavín, no que se sitúa un rodal de eucaliptos (Eucalyptus globulus) de gran singularidade pola lonxevidade e extraordinarias dimensión das súas árbores. Varios exemplares dos eucaliptos de Chavín superan os 100 anos e constitúen auténticos monumentos vexetais, chegando a acadar as maiores dimensións desta especie en Europa, de feito, o exemplar coñecido como “O Avó” acada un perímetro de 7,55 m e unha altura de 61,78 m.

Derivado dos seus valores naturais, este espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 77/2000, do 25 de febreiro. Tamén o Souto da Retorta e o eucalipto “O Avó” aparecen recollidos no Decreto 67/2007, do 22 de xaneiro, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, como formación senlleira e árbore senlleira, respectivamente. Ademais, parte do espazo está incluído parcialmente na Zona de Especial Conservación “Río Landro”.

Así, o avance dado hoxe é un paso inicial da tramitación, na que se fai unha breve descrición da zona de actuación, así como das súas principais presións e ameazas, que serán a base para que o público en xeral poida presentar as súas alegacións e consideracións.

Con posterioridade, en base ás alegacións e á información obtida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase un borrador de plan de conservación con todos os apartados establecidos pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, que será sometido a un novo procedemento de información pública, audiencia aos interesados e consulta ás Administracións afectadas.

Durante o procedemento de tramitación do Plan de Conservación establécese un réxime de protección específica para o espazo, de xeito que, ademais de serlle de aplicación o previsto no Decreto da súa creación e no Plan Director da Rede Natura 2000 (na parte do monumento que forma parte da ZEC “Río Landro”), estarase ao previsto no artigo 21 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza.

A Xunta executou no ano 2016 traballos para o mantemento das 3,18 hectáreas do seu entorno natural, nos que se destinaron 40.000 euros. Os traballos consistiron en diversas actuacións coma o saneamento da masa arbórea, a eliminación de plantas exóticas invasoras, e a reforestación con frondosas caducifolias e tamén se procedeu á reparación do canal da auga e do sendeiro, á adecuación das infraestruturas e a mellora da sinalización.

Ademais, todos estes traballos completáronse coa protección de O Avó, un eucalipto senlleiro que acada unha altura de 61,8 metros e un perímetro de 7,6 metros. Ademais unha das accións máis importantes que se realizou foi a poda das ramas na marxe do carreiro que percorre a zona (exclusivamente as pólas secas e mortas), unha poda para o que foi necesario establecer todas as medidas preventivas sanitarias en canto á protección dos cortes e a desinfección das ferramentas. Para o saneamento da masa tamén se retiraron preto de 80 pés de eucaliptos afectados, así como a recollida e o amoreado de residuos xerados pola madeira morta distribuída sobre o chan.

Por outra banda, e para acadar unha completa recuperación do Souto da Retorta e compatibilizar o seu uso público coa súa recuperación, efectuouse unha serie de reparacións no canal da auga, na fonte, nos buratos e nas vallas do sendeiro. Arranxouse o muro derrubado nas dúas marxes do canal de derivación de auga, o sendeiro quedou totalmente uniforme grazas ao tapado con pedras e terras propias da zona nos terreos nos que foi preciso e dispúxose máis tramos de valla para substituír as que presentaban peores condicións.

O Souto da Retorta, é un espazo emblemático moi próximo a outros espazos declarados imán como son: a Praia das Catedrais, o Parque Natural das Fragas do Eume e as Reservas da Biosfera de Terras do Miño e a do Eo, Oscos e Terras de Burón. O monumento natural atópase a menos de 50 quilómetros destes espazos.

4 de agosto de 2017 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.