publicidade hoxe

A Xunta subvenciona con 48.000 euros a 16 concellos lucenses para colaborar nas festas de interese turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosBurelaCervoChantadaCospeitoFolgoso do CourelFozLourenzáLugoLugoMondoñedoPedrafita do CebreiroQuirogaRibadeoSoberTaboadaViveiro
A-
A+

A Xunta de Galicia concedeu subvencións por importe global de 48.000 euros a 16 concellos da provincia de Lugo que celebran festas declaradas de interese turístico galego. Así o comunicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen subliñou a necesidade de potenciar estas festas que “pola súa singularidade teñen un recoñecemento a nivel autonómico e supoñen un importante reclamo de atracción turística, ademais de constituír un incentivo para as economías locais”.

A Xunta outorgou 3.000 euros a cada concello solicitante, xa que as axudas se convocan en concorrencia non competitiva, para colaborar cos gastos relativos á promoción e a difusión turística da festa, como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación ou actuacións artísticas. No caso de celebración de festas gastronómicas son subvencionables tamén os gastos de adquisición do produto obxecto da festa. Subvenciónase un evento por cada municipio.

A delegada territorial indicou que as festas subvencionadas “forman parte da nosa cultura e son un escaparate da diversidade da nosa provincia cara aos visitantes, un abano de manifestacións festivas de diversa índole, gastronómica, relixiosa, cultural ou histórica, que teñen lugar ao longo do ano nos distintos concellos lucenses”.

Así, obtiveron a axuda da Xunta, xestionada a través de Turismo de Galicia, as seguintes festas: A Romaría do Naseiro, en Viveiro; as Festas Patronais de San Lourenzo, en Foz; as San Lucas, en Mondoñedo; a Xira de Santa Cruz, en Ribadeo; a Feira do Bonito de Burela; a Feira do Viño de Amandi, en Sober; a Festa da Faba de Lourenzá; a Festa do Ourizo en Cervo; o Folión de Carros, en Chantada; o Festival Internacional do Emigrante, en Barreiros; a Festa da Filloa de Muimenta, en Cospeito; as Fachas de Castelo, en Taboada; a Feira do Queixo do Cebreiro, en Pedrafita; a Festa da Castaña, en Folgoso do Courel; a Mostra do Aceite de Quiroga; e o Arde Lucus na capital.

27 de abril de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.