publicidade hoxe

A Xunta inicia o venres as reunións de traballo cos concellos da Área Metropolitana de Vigo

Rolda de prensa do director de Administración Local

Rolda de prensa do director de Administración Local

O director de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago explicou hoxe en rolda de prensa que darán comezo de maneira inmediata as reunións de traballo cos concellos da área metropolitana de Vigo, empezando este mesmo venres co concello de Fornelos de Montes.

Pazos Couñago, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch indicou que irán manténdose sucesivas xuntanzas con cada concello e cas forzas políticas que conforman os plenos municipais, para poder coñecer as súas propostas e suxestións, e poder acadar así o máximo consenso posible entre todos e que bote a andar a lei o antes posible.

O Goberno galego enviou recentemente unha carta aos 14 concellos que conforman a Área, na que ían adxuntas as dúas alternativas plantexadas polo Concello de Vigo, así como un cadro explicativo das diferenzas entre estas propostas, de maneira que todos os concellos da área poden analizar as propostas e facer as achegas que consideren oportunas nestas reunións de traballo.

A Lei da área metropolitana de Vigo entrou en vigor no ano 2012, sendo aprobada polo Parlamento de Galicia o 10 de abril dese ano, o que supuxo un fito histórico coa posta en marcha da primeira Área Metropolitana de Galicia, un dos proxectos de cooperación municipal máis ambiciosos na nosa comunidade nos últimos anos. Os concellos suman esforzos e aumentan a calidade dos servizos públicos en beneficio dos cidadáns de Vigo e a súa comarca e mellorarán a suficiencia económica dos concellos a través dunha maior racionalización do gasto común.

A Área Metropolitana de Vigo configúrase como unha entidade local cuxo ámbito territorial está delimitado polos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo -que será a capital-; podendo ampliarse no futuro.

29 de setembro de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.