publicidade hoxe

Zona Franca e Concello de Ponte Caldelas estudan a instalación dun centro de negocios e de iniciativas empresariais no parque da Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Reunión do alcalde de Ponte Caldelas coa delegada

Reunión do alcalde de Ponte Caldelas coa delegada

O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión coa Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa para estudar as posibilidades de instalar no parque da Reigosa un Centro de Negocios e de Iniciativas Empresariais que siga o modelo de éxito do desenvolvido polo Consorcio no parque empresarial de Nigrán.

Perfecto Rodríguez informou á Delegada do estado de comercialización actual do parque onde recentemente adquiriron parcelas dúas grandes empresas, Aludec do sector de automoción e a conserveira Orbe. Pedrosa valorou as vantaxes comparativas que presenta A Reigosa fronte a outras zonas industriais xa que o parque de Ponte Caldelas é lindeiro co pontevedrés de O Campiño, está situado a 15 minutos do porto de Marín e conectado coa A-57 á circunvalación de Pontevedra.

A localización para a posible instalación dun Centro de Negocios e de Iniciativas Empresariais que se está valorando sería nalgunha das dúas parcelas que son propiedade do Concello e que están perfectamente situadas no centro funcional da superficie de chan industrial que se conforma entre os parques de O Campiño e A Reigosa.

Os responsables do Concello e da Zona Franca estiveron de acordo en que o índice de ocupación actual desta área xa fai necesaria a construción dun edificio desde o que se poida prestar servizos ás empresas instaladas e desde o que, tamén, se desenvolvan programas de apoio ao emprendemento que diversifiquen a economía da comarca. Un Centro de Negocios funciona como edificio central do parque onde se concentran os servizos principais para as empresas e usuarios da área industrial, tales como salas de reunións, salas de conferencias e outros servizos profesionais (servizos bancarios, asesorías, entidade de conservación…). Pola súa banda, e co obxectivo de favorecer a creación e o desenvolvemento de novas empresas, o modelo de Centros de Iniciativas empresariais que desenvolveu o Consorcio da Zona Franca ofrece aos emprendedores unha localización nun edificio perfectamente equipado, a prezos inferiores que os de mercado, e o apoio profesional necesario durante os primeiros anos de vida. A diferenza de iniciativas similares, os viveiros do Consorcio non só dispoñen de oficinas senón tamén de talleres ou pequenas naves desde onde comezar un proceso produtivo. Nestes centros -e desde o primeiro día-, o emprendedor conta con asesoría no seu plan de empresa, na procura de financiamento e subvencións, na apertura de novos mercados e, por suposto, na súa formación e a dos seus empregados.

7 de maio de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.