publicidade hoxe

O Concello de Ponte Caldelas denuncia o roubo de parte do peche perimetral da Pedra do Cervo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasSucesos
A-
A+
Estacas do peche perimetral

Estacas do peche perimetral

O Concello de Ponte Caldelas denunciou a través da Policía Local o roubo de parte do peche perimetral da “Pedra do Cervo”, no monte comunal de Pé da Múa, en Cuñas, un elemento único da arte rupestre en Galicia e que foi obxecto, recentemente, dun importante labor de recuperación, conservación e posta en valor para o goce do público en xeral nunha intervención combinada entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.

O roubo consistiu na rotura e subtracción dunha corda grosa que unía o valado existente como elemento delimitador da contorna arqueolóxica, á vez que se desprazaron do seu lugar orixinal varias estacas de madeira que compuñan o peche.

Tanto o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, como o doutor en Historia Buenaventura Aparicio, manifestaron a súa preocupación porque este suceso non volva producirse e lamentaron a falta de respecto polo patrimonio que teñen algunhas persoas. Así mesmo solicitaron ás forzas da orde pública a redobrar os seus esforzos en materia de vixilancia na zona co fin de previr novos atentados contra esta emblemática peza da arte rupestre galego.

A “Pedra do Cervo” é unha das manifestacións máis singulares que existen na arte rupestre en Galicia posto que a precisión plástica da técnica empregada así como o seu gran tamaño (é unha das pezas de cervo máis grandes das que se conservan na Comunidade Autónoma) fana especial.

Para os expertos, a importancia desta pedra non só reside na beleza intrínseca do gravado e ao misticismo que transmite senón ao poder de captación da atención do que a contempla. Seguramente, tamén foi isto o que lle serviu de indulto ante a acción destrutiva dun canteiro anónimo que iniciou no seu día traballos de perforación na pedra, pero ao decatarse das graves consecuencias da súa actuación, decidiu cesar no seu empeño para que puidesen gozar deste cadro pétreo as xeracións futuras.

8 de maio de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.