publicidade hoxe

Estudantes alacantinos visitan a área arqueolóxica de Tourón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Visita dos estudantes alacantinos

Visita dos estudantes alacantinos

Un total de 40 alumnos de alumnos do Instituto de Secundaria Macià Abela, de Crivillente (Alacante), visitaron a área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas, acompañados por tres profesores e o técnico municipal de turismo encargada de dirixir a visita guiada.

Os alumnos e profesores, que se atopan de vista polas Rías Baixas e Santiago de Compostela, elixiron tamén achegarse ata Tourón coa intención de admirar de maneira directa unha das maiores e mellor conservadas manifestacións da arte rupestre en Galicia.

Esta visita prodúcese dentro do programa desenvolvido polo Concello de Ponte Caldelas para a divulgación e posta en valor da área Arqueolóxica de Tourón, un dos elementos máis importantes dentro da arte rupestre en Galicia e que conta cunha aula de interpretación e un xacemento perfectamente conservado, sinalizado e comunicado para facilitar a visita e comprensión dos gravados existentes. Para concertar visitas á Área Arqueolóxica de Tourón, o Concello de Ponte Caldelas habilitou o teléfono móbil 671 58 58 51, co fin de favorecer a realización do percorrido en compañía e coas explicacións da técnico da aula de interpretación alí existente.

A visita guiada, que estivo dirixida por unha técnica municipal, iniciouse no centro de interpretación onde os alumnos puideron ver, a través dun vídeo, unha pequena introdución sobre a etapa prehistórica que ían coñecer e os elementos máis característicos do xacemento.

Os rapaces realizaron o percorrido a pé facendo pequenas paradas nas cinco estacións rupestres para poder admirar e comprender a arte e a simboloxía dos nosos antepasados.

En Tourón, os alumnos contemplaron diversos conxuntos de gravados en pedra, característicos da arte rupestre ao aire libre de Galicia composto por cazoletas, combinacións circulares, zoomorfos, trisqueles, esvásticas e o gran cervo con baleirado interior de Laxe das Cruces.

O percorrido discorre entre petróglifos sinxelos, como os círculos concéntricos con cazoletas interiores de Outeiro da Forcadela a outros máis complexos como a gran escena de caza gravada en Nabal de Martiño.

TRABALLOS DE LIMPEZA DE CARA Á TEMPADA

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas iniciará en breve os labores de limpeza e roce da área arqueolóxica co fin de permitir o normal tránsito das visitas a esta área rupestre polos carreiros habilitados para iso.

Os labores de limpeza e roza, que levan a cabo por operarios da brigada municipal contratados dentro do Plan de Emprego da Deputación, esténdense tamén ás zonas onde se atopan as distintas estacións rupestres así como os arredores á aula de interpretación.

24 de marzo de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.