As obras de saneamento do núcleo da Reigosa estarán rematadas no mes de maio
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou hoxe o bo ritmo dos traballos de excución das obras de saneamento do núcleo da Reigosa en Ponte Caldelas.
O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.
Deste xeito, os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas trasladáronlle ao delegado territorial que as obras deste servizo poderán estar rematadas no próximo mes de maio polo que os veciños poderán conectarse ao saneamento a principios deste mesmo verán.
As obras que foron iniciadas o pasado mes de xullo e consisten na execución dunha rede de colectores cunha lonxitude total de 5.800 metros, e a construción dunha depuradora que dará servizo a unha poboación equivalente de 250 habitantes. A rede consta ademais dos correspondentes pozos de rexistro, un total de 171.
Nestes traballos a Consellería de Medio Ambiente realizou unha achega económica de máis de 700.500 euros, cunha achega do 80 % de fondos europeos.
A día de hoxe xa están executadas tódalas conducións, o que implica que xa foron instalados case 3 quilómetros de colectores, estando así xa completa a instalación dos tubaxes na zona de O Campo, A Carrasqueira, a zona do colexio da Reigosa e o seu entorno.
Nestes intres, os traballos céntrase na instalación dos equipos da depuradora que está dimensionada para unha poboación de 314 habitante. Disporá de equipamentos prefabricados tales como arqueta de chegada de auga con reixa de desbaste, decantador, dixestor primario, pozo de bombeo, leito bacteriano, humidais en paralelo e arqueta de inspección.
O alcalde do municipio recordou a importancia deste investimento, “xa que non podemos esquecer que nesta época de crise, e grazas a colaboración da Xunta de Galicia, poidemos poñer en marcha esta infraestrutura tan importante para o saneamento do rural de Ponte Caldelas. E o puidemos levar a cabo nunha sola fase”.
Beneficios do novo saneamento
A estación depuradora que se está a executar no lugar da Reigosa basea o seu proceso de depuración nun filtro biolóxico coa tecnoloxía de humidal. Malia que esixe máis superficie de terreo que un tratamento convencional, permitirá un elevado rendemento de depuración combinado cun moi baixo consumo enerxético, o que aforrará custos ao concello como futuro explotador da infraestrutura.
As experiencias de Augas de Galicia con esta tipoloxía de depuración permiten que sexa unha aposta para a sostibilidade ambiental e económica do rural galego. En concreto, a potencia necesaria para o funcionamento da EDAR da Reigosa será de 1KW, menor que unha vivenda.
Finalmente, o novo sistema de saneamento de Ponte Caldelas mellorará a calidade de vida dos veciños do núcleo da Reigosa, dotándoos dun servizo axeitado e optimizará considerablemente a calidade ambiental da zona.