publicidade hoxe

Forzáns acolleu unha conferencia de Elvira Raposeiras sobre as antigas escolas unitarias rurais galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Conferencia de Elvira Raposeiras

Conferencia de Elvira Raposeiras

Os veciños maiores da parroquia de Forzáns (Ponte Caldelas) recordaron os seus anos de infancia a través dunha conferencia pronunciada por Elvira Raposeira, ex directora do CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, sobre as antigas escolas unitarias rurais en Galicia.

Este acto, que se celebrou no Centro Sociocultural de Forzáns organizado pola Asociación Cultural O Torreiro en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, serviu para que os asistentes recordasen como tiñan que compatibilizar as súas asistencias a clase coas tarefas agrícolas e domésticas así como as mil e unha anécdotas que foron rememoradas con emoción.

Durante a súa alocución, Elvira Raposeiras puxo de manifesto as diferenzas existentes entre as escolas unitarias dos anos 60 no rural do municipio, a EXB e o sistema educativo actual. A docente intercalou as súas vivencias persoais cun exhaustivo estudo sobre o modelo educativo dos anos 50 e 60, a segregación escolar por sexos e o papel desenvolvido polos mestres da época os que, con escasos medios e en moitos casos con aulas saturadas por alumnos de diferentes idades e coñecementos tiñan que desenvolver fórmulas creativas para favorecer a aprendizaxe dos seus pupilos.

A evolución da escritura a través da aprendizaxe utilizando o estilo, o arriscado paso á tinta chinesa e á laboriosa caligrafía dos cadernos Rubio foron motivo de exhaustivas e pedagóxicas explicacións que foron seguidos con atención e anuencia polo numeroso público presente no Centro Sociocultural de Forzáns.

Raposeiras recordou como os nenos e as nenas recibían ensinanzas en recintos separados, contidos educativos distintos en función do sexo e como as clases de costura e os bos modais acaparaban nas futuras mulleres un papel predominante e moi especial. “Naqueles momentos formábase ás mulleres para que non día de mañá foran esposas compracentes e amas de casa eficientes. Non se cría que as mulleres puideran seguir estudando e polo tanto a súa formación centrábase nas tarefas do fogar”, sinalou a pegadoga.

Na quenda de preguntas e comentarios tras a conferencia, os veciños presentes recordaron como anécdota doutros tempos os severos castigos impostos polos mestres aos que non se portaban ben ou non cumprían coas súas tarefas e que, maioritariamente, se multiplicaban ao chegar á casa ao ter os seus pais coñecemento destes. “Eran outros tempos. Antes castigábante os mestres e se te queixabas aos teus pais aínda levabas dobre”, comentaban entre risas.

Todos os presentes coincidiron en que a educación cambiara ao longo do tempo en moitos aspectos para ben, pero que tamén se mudara a relación de respecto do alumno cara ao profesor e mesmo dos pais cara ao mestre chegando a poñer, hoxe en día, en dúbida a súa profesionalidade “cuestión que antes era impensable”, lamentou Elvira Raposeiras.

O encontro finalizou coa entrega dun obsequio á confrenciante, Elvira Raposeiras, e co agradecemento por parte do presidente da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, Antón Xil, así como un convite colectivo a visitar en sucesivas ocasións esta parroquia e compartir as súas múltiples actividades. Raposeiras recolleu a luva do convite e mostrouse disposta a botar un baile con algún dos veciños presentes.

22 de xaneiro de 2015 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.