publicidade hoxe

Ponte Caldelas leva aforrado 40.000 euros na factura électrica da iluminación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez explicou que as actuacións en materia de aforro e eficiencia enerxética levadas a cabo nos últimos anos comezan a dar os seus froitos. Así, no que vai de ano as facturas correspondentes ao consumo de electricidade na iluminación pública están a supor un aforro neto de 40.000 euros respecto ao ano pasado, cifra que sale de comparar as facturas dos 10 primeiros meses do ano 2013 cos de 2014.

Perfecto Rodríguez espera que cando a principios de febreiro teñamos a facturación correspondente aos últimos dous meses do ano (novembro e decembro), podamos alcanzar a cifra de aforro na iluminación pública de 50.000 euros.

Hai que ter en conta que a factura da iluminación pública é un dos gastos máis elevados que soportan os concellos, especialmente en Galicia pola dispersión xeográfica e o gran número de núcleos de poboación repartidos nas parroquias. No caso de Ponte Caldelas a factura nos últimos anos roldaba os 300.000 euros. Agora o alcalde espera que este ano 2014 esta cifra baixe dos 250.000 euros.

Este aforro está a conseguirse por unha banda con actuacións de aforro enerxético consistentes na renovación de luminarias con menor potencia pero similar intensidade de luz e coa instalación de equipos de eficiencia nos cadros eléctricos que reducen a intensidade e potencia a determinadas horas. Así algunha iluminación que ten 100 W, nalgunha travesía, a partir dunha determinada hora da noite redúcese automaticamente a 70 W ou mesmo a 50 W en horas de madrugada que ten menos tráfico ou peóns. O mesmo no centro urbano e en varios núcleos.

Continuando con esta política, nestas semanas completouse a renovación da iluminación en Laxoso de Arriba grazas a unha subvención da Xunta de Galicia que financiou o 80% da obra. Ademais con fondos propios o Concello está tamén substituíndo os equipos e luminarias nas travesías de Caritel e A Insua que teñen gran consumo. Actuacións similares fixéronse xa nas travesías de Tourón e Buchabad, e tamén en varias parroquias ou núcleos como Xustáns, Vilarchán, Anceu, etc. Tamén se conseguiu aforro revisando as potencias contratadas en cada cadro e axustándoas e pasándoas á tarifa de “discriminación horaria”.

16 de decembro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.