A campaña “Non máis ciclistas mortos nas estradas” chega a Vigo o 10 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesFerrolNoiaPontevedraRiveiraVigo
A-
A+

O día 10 de novembro celebrarase en Vigo, e outras cidades galegas, a campaña de sensibilización “Non máis ciclistas mortos nas estradas”, promovida pola Federación Galega de Tríatlon. Esta actividade ten como obxectivo prioritario concienciar ás e aos condutores sobre o perigo que sofren os ciclistas nas estradas para que respecten as distancias de seguridade. A Federación decidiu poñer en marcha esta iniciativa xa que “máis dunha morte por semana nas estradas é unha porcentaxe demasiado elevada e temos que facer todo o que estea nas nosas mans para que isto non siga acontecendo”, explicou o presidente da Federación Galega, Paco Villanueva.

En Vigo a marcha comezará ás 12:00 horas con saída dende a Praza do Rei, para facer un percorrido de aproximadamente 5 quilómetros. A marcha discorrerá polas rúas Cachamuiña, Falperra, Pi y Margall, Lopez Mora, Praza América, Gran Vía, Couto, Marqués de Alcedo e regreso á Praza do Rei. Esta actividade, organizada pola FEGATRI en colaboración co club Mar de Vigo e o Concello de Vigo, está aberta a todas as persoas interesadas e o único requisito que se solicita é que os participantes leven un casco.

A Federación Galega repartirá entre os participantes camisetas e pegatinas co slogan da campaña de sensibilización sobre a seguridade dos ciclistas nas estradas, “recordando a necesidade de manter o metro e medio de distancia cos ciclistas na estrada”. Esta campaña, promovida pola Federación Galega de Tríatlon celebrarase de forma simultánea en varias cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Riveira, Noia, Vigo e Pontevedra) e manterase no tempo, coa entrega de camisetas co slogan da campaña en todas as probas do calendario oficial da FEGATRI.

CALENDARIO DAS PROBAS

Pontevedra: Ás 12:00 horas, concentración na praza de España (diante do Concello).

A Coruña: Concentración na Praza de María Pita de 11 a 12 horas.

Ferrol: Ás 11 horas, marcha con saída da Praza de Armas (diante do Concello).

Riveira: Ás 12 horas, marcha polo centro de Riveira (circuíto urbano de 6 quilómetros. Saída dende a Praza de España (pegada á Praza de Abastos).

Noia: Ás 11 horas, concentración na Alameda (onde haberá unha exposición) e inicio da marcha ás 12 horas.

7 de novembro de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.