publicidade hoxe

As análises das cerámicas no Ecomuseo Forno do Forte confirman que foron fabricadas en Buño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Unha das pezas analizadas

Unha das pezas analizadas

O pasado mes de xullo informábamos que se seleccionaran dos fondos do museo Castelo de San Antón 6 recipientes cerámicos que pola súa morfoloxía e acabado superficial semellaban ter sido fabricadas en Buño. Tras obter os permisos oportunos na Consellería de Cultura, tomárose mostras destes recipientes e foron enviados ao Instituto da Cerámica de Galicia da Universidade de Santiago para a súa análise e así poder determinar con seguridade a súa procedencia.

Xa temos os resultados, e podemos afirmar para a nosa satisfacción que todas as pezas proceden de Buño. Os recipientes apareceron en diferentes solares da cidade en estratos dos s. XVIII e XIX, momento no que por diferentes documentos coñecemos que Buño ten un gran número de oleiros traballando e que a súa producción véndese en boa parte de Galicia. Un dos destinos principias era a cidade da Coruña, cliente tradicional de Buño. Se ben polos escritos coñecíanse estes datos, na práctica pouco se sabe sobre as pezas fabricadas nesa época salvo datos soltos. Con estas análises podemos concretar algo máis sobre este tema.

Os recipientes analizados son unha xerra, unha fonte plana, unha cunca, unha taza con asa, un veleiro e un anaco de cañería.

A xerra, a fonte plana, o veleiro e a taza con asa son recipientes que tiveron unha continuidade de producción ata avanzado o s. XX, sendo variacións de produtos habituais rematados co tradicional vidrado de chumbo. Estas pezas teñen gran interese e distintas peculiaridades que amosan a gran variedade morfolóxica existente en Buño e a súa riqueza ainda por descubrir. Pola súa novidade preferimos resaltar os outros dos recipientes. En primeiro lugar a cunca, que permite coñecer que en Buño tamén había pezas rematadas en vidro branco, cuestión descoñecida ata agora. Trátase da típica cunca pero en lugar de ter o vidrado habitual ten a superficie interior cuberta cun vidrado blanco, probablemente de estaño, acabado pouco habitual pero que non é alleo a Buño, alomenos nalgún momento dos s. XVIII-XIX. Nesta época os recipientes de loza e porcelana eran moi valorados, existindo distintas fábricas nacionais e estranxeiras que os producían. Que en Buño se buscara competir con estes produtos é loxico, xa que se respondía á demanda duns clientes que querían dispor das pezas rematadas coa cor de moda a un prezo asequible.

Se esta cunca resulta interesante, moito máis é o anaco de tubería localizado. Corresponde ao extremo coa boca ancha, axeitado para encaixar o remate estreito doutra tubería, encaixes machiembrados. Deste tipo de “caños” temos noticias na Cédula Real de 1679, momento en que se documenta o encargo de 1.400 unidades. Este anaco de tubería non ten por qué corresponderse coas deste documento, poden ser doutro encargo non documentado ou do que non se localizou o escrito, pero ten o enorme interese de coñecer cómo eran as tuberías que se fabricaban en Buño e que eran utilizadas na traída de augas de A Coruña dende alomenos o s. XVII. Tamén, por primeira vez, temos evidencias arqueolóxicas do citado no primeiro documento que fai referencia a Buño. Sempre se alude a esta Cédula Real de 1679 pero agora xa temos restos materiais destes famosos “caños” que, probablemente, durante moitos anos foron fabricados en Buño para o abastecemento de auga de A Coruña.

En definitiva, a arqueoloxía está a aportar datos de enorme interese para coñecer cómo se traballaba en Buño na Idade Moderna e inicios da Contemporánea, aportando tanto variacións de pezas comúns como doutras das que a memoria popular se esquencera. Podemos constatar a gran variedade de solucións que os oleiros de Buño tiñan para facer máis interesantes os seus produtos e a súa capacidade para dominar o barro obtendo o que o cliente demandaba.

25 de outubro de 2013 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.