Catro proxectos de Iniciativa Xove de Noia e Barbanza recibirán 16.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do CaramiñalLocalNoiaRianxoRiveiraXuventude
A-
A+
Inauguración en Lousame da exposición de fotografías do proxecto ‘Duatlón fotográfico’, denominado “Foto.col.es”

Inauguración en Lousame da exposición de fotografías do proxecto ‘Duatlón fotográfico’, denominado “Foto.col.es”

Catro iniciativas levadas a cabo por grupos de mozos e mozas das comarcas de Noia e Barbanza, no marco do programa Iniciativa Xove, foron subvencionadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

Inaugurouse en Lousame a exposición de fotografías do proxecto ‘Duatlón fotográfico’, posto en marcha baixo a denominación de “Foto.col.es”. Este ten como obxectivo unir as novas tecnoloxías co fomento dun ocio alternativo e saudable, que combina a fotografía, a cultura e a natureza na busca da creatividade e a diversión da xuventude participante. Á inauguración asistiu o director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.

Esta iniciativa iniciouse cun obradoiro fotográfico, ao que seguiron dúas foto-andainas. A primeira foi desde as minas de San Finx de Lousame ata San Ramón de Bealo, no concello de Boiro. A segunda desde Lousame ata Santiago. Coas fotografías destas actividades, os membros de Foto.col.es organizaron un concurso e unha exposición na Casa da Cultura de Lousame.

Ademais deste proxecto, o director xeral tamén coñeceu as conclusións da iniciativa “Quérete, mímate, cóidate”, organizada por outro grupo informal de mozos e mozas da mesma localidade. Os integrantes do grupo Nevox dinamizaron a mocidade do municipio desde unha óptica de promoción dos hábitos saudables e a imaxe persoal.

Para lograr este obxectivo, os integrantes do grupo organizaron unha obra de teatro para mostrar que é posible unha diversión sen consumo de drogas ou alcol, fixeron xincanas deportivas nas que tamén participaron mozos e mozas con discapacidades e puxeron en marcha obradoiros de maquillaxe, masaxes e tatuaxes destinados á mocidade.

A estes dous proxectos de Lousame súmanse nas comarcas de Noia e Barbanza outras dúas iniciativas xuvenís, que puxeron en marcha a asociación Vella Escola de Noia e a Escola de tempo libre Arrecó de Ribeira. En total, estes proxectos foron apoiados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado con 16.000 euros.

Iniciativa Xove

Para Ovidio Rodeiro, “Iniciativa Xove funciona como unha escola de cidadanía activa, xa que permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos”. Ademais, o director xeral destacou que con este programa “a administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas”.

O mesmo permite sufragar ata o cen por cen das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 4.000 euros.

Todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o solicitasen, recibiron un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.

Con esta liña de axudas preténdese fomentar a participación da mocidade, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en practica as súas ideas relacionadas co lecer, a comunicación e as novas tecnoloxías, así como ensaiar novas propostas relacionadas co emprendemento e a empregabilidade.

28 de setembro de 2013 | 23:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.