publicidade hoxe

O Gaiás convida a gravarse lendo textos de Carvalho Calero para editar un vídeo coral con motivo das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Cidade da Cultura de Galicia celebrará o Día das Letras Galegas 2020 cunha lectura participativa en liña de textos do homenaxeado deste ano, Ricardo Carvalho Calero. O Gaiás convida a toda a cidadanía a compartir un pequeno vídeo lendo un texto do escritor ferrolán, que despois formará parte dun audiovisual coral que se publicará nas redes o vindeiro 17 de maio con todas as achegas recibidas. A iniciativa enmárcase na campaña #aculturasegue, promovida pola Xunta de Galicia para ofrecer diversas actividades de lecer e formación en liña na situación actual de alerta sanitaria.

A escolma de textos para esta lectura participativa está realizada por Pilar Pallarés, unha das voces máis importantes da poesía galega, recoñecida en 2019 co Premio Nacional de Poesía polo seu libro Tempo Fósil. Nesta escolla inclúese unha completa mostra da ampla produción literaria de Carvalho Calero, desde poesía, teatro, ensaio ou narrativa.

As persoas interesadas en participar poderán descargar a proposta de textos na web www.cidadedacultura.gal e enviar o seu vídeo antes do 11 de maio ao enderezo electrónico prensa@cidadedacultura.org. Ao igual que se fixo en anos anteriores con escritos de María Victoria Moreno e Antonio Fraguas, as lecturas dos textos de Carvalho Calero serán incluídas nun vídeo que recompile todos os fragmentos. Para festexar o día grande das nosas letras, esta peza será emitida en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram). Será un xeito de contribuír a pór en valor o labor do autor ferrolán para dignificar o idioma e a cultura galega, e de espallar o seu prolífico traballo como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor a calquera recuncho do planeta.

Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en 1990 en Santiago de Compostela. A Real Academia Galega salienta da súa figura o seu compromiso galeguista, que o levou mesmo a sufrir cárcere tras a guerra civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía, da narrativa e do teatro; o seu labor no campo da historia literaria galega, do que pode considerarse fundador coa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963); o feito de ser o primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas ideas sobre a lingua propia de Galicia.

A traxectoria de Ricardo Carvalho Calero pode rastrexarse nas numerosas institucións e entidades vinculadas á lingua e á cultura galegas das que formou parte ou que recoñeceron o seu labor. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Real Academia Galega e da Academia de Ciências de Lisboa, ademais de membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua (AGAL); dirixiu o colexio Fingoi; participou activamente nas actividades do Grupo Galaxia; foi recoñecido coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984) e declarado Fillo Predilecto de Ferrol (1990).

4 de maio de 2020 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.