publicidade hoxe

A Xunta adxudica as obras de mellora de firme en seis estradas autonómicas das comarcas do Condado, de Pontevedra e de Vigo, cun investimento de 790.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do firme en seis estradas das comarcas do Condado, de Pontevedra e de Vigo por un investimento de máis de 790.000 euros.

As actuacións, adxudicadas á empresa Marconsa S.L., comezarán este mes e terán un prazo de execución duns tres meses aproximadamente.

Os traballos proxectados levaranse a cabo en varios tramos das estradas PO-255, PO-403, PO-252, PO-261, PO-262 e PO-244, ao seu paso polos concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Covelo, A Cañiza, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Mondariz, Pazos de Borbén e Soutomaior.

As actuacións consistirán no fresado e a reposición do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada.

Ademais, executaranse unha serie de medidas complementarias na PO-255, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 19+980 e 23+250, de Ponte da Cereixa a Barcias, onde se colocarán varios treitos de barreiras de seguridade. E na estrada PO-244 executaranse tres pasos peonís sobreelevados, no p.q. 2+170, en Ponte Caldelas, e nos p.q. 9+910 e 12+440, no concello de Soutomaior.

Con estas intervencións a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas.

2 de setembro de 2019 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.