publicidade hoxe

O DOG publica a orde que regula o Consello Técnico de Atención Primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se crea e se regula a composición, funcionamento e organización do Consello Técnico de Atención Primaria. Este organismo está previsto nas medidas a curto prazo do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 e forma parte dos acordos acadados entre a Consellería de Sanidade, os sindicatos e as organizacións profesionais.

O Plan Galego de Atención Primaria foi aprobado o pasado mes de maio e conta cun orzamento superior aos 102 millóns de euros para tres anos. O documento recolle 200 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, definidas en 7 liñas estratéxicas e 52 obxectivos concretos, coa finalidade de reformular o modelo de atención primaria en Galicia.

Funcións do Consello

O Consello estará encargado da análise e avaliación das necesidades de recursos humanos no ámbito da Atención Primaria; a análise da mellora da súa capacidade resolutiva e da carteira de servizos; das liñas de xestión de procesos asistenciais de atención primaria e de propostas de mellora das relacións de primaria coa atención hospitalaria; ademais do estudo e análise de propostas de nova organización da xestión do primeiro nivel asistencial.

Outras funcións do Consello serán elaborar programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación e asesorar ao Sergas nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria e sobre aspectos relacionados coa formación, docencia e investigación da atención primaria. Tamén analizará as liñas de xestión de procesos asistenciais de primaria e as propostas de mellora das relacións entre atención primaria e hospitalaria.

Composición do Consello

O Consello Técnico de Atención Primaria, estará constituído por un máximo de 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario e procurarase que teña unha composición paritaria entre homes e mulleres. O nomeamento dos membros do Consello terá unha duración de tres anos renovables e o pleno do consello reunirase, polo menos, dúas veces ao ano, ou a requirimento da presidencia ou dun terzo dos seus membros.

19 de xullo de 2019 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.