publicidade hoxe

A Xunta impulsa a dinamización da lectura a través de axudas a máis de 150 concellos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas a entidades locais para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e axencias de lectura de titularidade municipal das que se beneficiarán un total de 154 localidades.

Cun orzamento de preto de 200.000 euros, estas subvencións están destinadas á realización de actividades de animación á lectura no marco do programa Ler conta moito, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia pretende contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal.

Para optar a estas axudas, as bibliotecas ou axencias de lectura deben estar adheridas a este programa mediante o cal poñen a disposición dos profesionais dinamizadores as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada, organizar puntualmente cada función e colaborar nas accións complementarias ás actividades para o seu maior aproveitamento por parte dos usuarios.

O importe concedido a cada concello, superior a 1000 euros para cada unha das 190 bibliotecas ou axencia beneficiarias, deberase empregar para financiar o 75% do custo de cada unha das actividades e deberase financiar con fondos propios o 25% restante.

As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, teatro e danza, entre outros. Todas estas iniciativas están dirixidas a públicos específicos, como bebés de 0 a 3 anos, mozos e adultos e desenvolveranse ata o 27 de outubro de 2019.

3 de xullo de 2019 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.