publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O 061 de Galicia asistiu a 66 persoas por 54 accidentes de circulación na ponte das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 66 persoas debido a 54 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do xoves, 16 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 19 de maio. Os días que rexistraron máis incidentes foron o xoves e o sábado con 14 accidentes ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 71 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 54 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 66 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 57% e do 43% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 25% dos atendidos tiña entre os 40 e os 54 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 24 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

A Coruña: 15
Lugo: 7
Ourense: 8
Pontevedra: 24
Total Galicia: 54

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 65. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en tres accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 56 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.

En 54 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 12 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

20 de maio de 2019 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.