publicidade hoxe

Gardacostas cede a entidades sen ánimo de lucro varios motores foraborda que substituíu por outros máis modernos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde pola que o Servizo de Gardacostas de Galicia cederá en propiedade un motor foraborda á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal para a realización de labores de vixilancia no seu ámbito territorial e a colaboración en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Trátase do primeiro de varios motores que o organismo dependente da Consellería do Mar prevé entregar nos próximos meses a distintas entidades sen ánimo de lucro despois de que fosen retirados do servizo e substituídos por outros máis modernos.

Estes equipamentos pertencían ás embarcacións do Servizo de Gardacostas Illa Cortegada, Illa de San Simón, Illa Malveiras e Illa de Onza, que desde decembro contan con motores novos para optimizar a prestación do servizo, que require da dotación máis avanzada. O carácter punteiro do labor realizado polo ente dependente da Xunta fixo necesario substituír eses motores foraborda por outros máis modernos, pero son perfectamente válidos para seguir operativos en labores máis rutineiras, feito polo que se procede á súa cesión a entidades que poidan aproveitar as súas prestacións.

Ademais do motor cedido á confraría da Pobra, a Consellería do Mar está en pleno proceso de desafectación doutro que irá a parar á Cruz Vermella e de dous que se instalarán en embarcacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

Este tipo de cesións son unha práctica habitual do Executivo galego para o aproveitamento máximo destes medios unha vez que rematan o seu labor ao máis alto nivel para o Servizo de Gardacostas. Precisamente, é o mesmo proceso que se vai seguir coa embarcación Pena Trevinca, que causa baixa na frota do organismo dependente da Consellería do Mar trala entrada en servicio da nova patrulleira lixeira Punta Promontoiro. O Goberno autonómico está a tramitar xa a desafectación desta unidade para poder entregala proximamente á Cruz Vermella.

22 de maio de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.