publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O prazo de solicitude do bono coidado está aberto ata o 2 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+

A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 2 de setembro o prazo de solicitude do Bono Coidado, un programa que inclúe axudas directas ás familias para contratar ante unha necesidade puntual a unha persoa coidadora dos menores de ata 12 anos.

O contido do programa así como as novidades que presenta a convocatoria deste ano as detallou hoxe en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias. Así, informou que o Bono Coidado cubre situacións moi variadas nas que os menores estean enfermos ou non poidan ser coidados pola persoa que o fai habitualmente, ben sexa por doenza do coidador ou por distintas circunstancias puntuais de carácter laboral deste, como poden ser a asistencia a entrevistas de traballo ou a realización de cursos de formación.

Máis facilidades: amplíase á ludotecas

O programa posto en marcha en 2016, presenta como principal novidade na convocatoria deste ano que as familias solicitantes poderán destinar esta axuda económica a pagar o custe dun servizo de coidado infantil non continuado. “Se ata o de agora limitábase exclusivamente a servizos domiciliarios a axuda faise extensible á contratación de servizos como as ludotecas e outros espazos infantís”, explicou o representante autonómico.

“Temos que seguir traballando sen descanso para poñer todos os recursos ao servizo das familias que queiran ter fillos, para que ter un fillo en Galicia non sexa un problema, nin familiar, nin económico, nin laboral. Para nos é un obxectivo irrenunciable”, aseverou.

Nenos e nenas de ata 12 anos

O Bono Coidado conta cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros (ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban) e do que poderán beneficiarse as familias con menores de ata 12 anos que residan en Galicia e que conten cunha renda da unidade familiar que non supere os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita.

A Xunta subvencionará un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período en vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O número de horas incrementarase un 15% por cada menor de 12 anos.

En canto a contía da axuda estará determinada por tramos segundo a renda per cápita familiar. Así, ata os 3750 euros obterán unha axuda de 14 euros por hora de servizo a contratada, de 11 euros por hora ata os 7.500 euros, de 9 no caso das rendas de 10.000 euros e no caso de que non se supere o tope establecido a subvención por hora de servizo de coidador contratada será de 7 euros. Ademais, as mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a contía máxima da axuda.

Un procedemento máis áxil

O Bono Coidado foise mellorando progresivamente, para axustarse ás necesidades das familias. Por exemplo, na actualidade os proxenitores poden inscribirse cando se abre a convocatoria nunha bolsa de horas, que contempla un máximo de 80 salvo en familias con máis dun fillo, nese caso elévase a 92.

O abono da axuda farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social a correspondente solicitude e as facturas orixinais da contratación do servizo acompañadas do xustificante bancario que acrediten o seu pagamento, aínda que tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo do servizo mediante un recibín do coidador. Deberase presentar tamén xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

20 de marzo de 2019 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.