publicidade hoxe

Francisco Conde ratifica a aposta pola automoción co impulso da formación especializada e a innovación para incrementar a súa competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde durante a reunión

Francisco Conde durante a reunión

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co director xeral da Asociación Española de Provedores de Automoción (Sernauto), José Portilla, e a directora da Área Económica e Loxística da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac), Aranzazu Mur, na que avaliaron a Axenda Sectorial da Industria da Automoción elaborada polo propia industria, co obxectivo de incrementar a competitividade dun ámbito que é un dos principais motores da economía galega. Á xuntanza tamén acudiron representantes do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).

Conde destacou que os retos plasmados nesta planificación feita polo sector coinciden cos obxectivos nos que está a traballar a Xunta para apoiar neste eido o desenvolvemento da Industria 4.0 e para impulsar a innovación e a formación para promover a intensificación da produtividade. Neste sentido, o primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas partiu de Galicia, da planta de PSA en Vigo.

No referente á capacitación, Conde indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha o programa de Unidades Formativas na Empresa co que está a dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías. Son cursos á medida do sector e unha formación, financiada ao 100% pola Xunta, que a propia empresa elixe e imparte.

Para a automoción poranse en marcha en próximas datas 67 unidades para cualificar a 828 persoas cun investimento próximo ao millón de euros. A automoción, xunto co naval, son os principais sectores adxudicatarios destas accións formativas na primeira convocatoria desta iniciativa. Ademais, 7 de cada 10 unidades están relacionadas coa automoción, o naval e as TIC, tres sectores estratéxicos para o presente e o futuro da Comunidade galega. En total, en Galicia, e cun orzamento de 5,4 millóns de euros, levaranse a cabo 332 unidades en 83 compañías para formar a 3.200 traballadores e desempregados de diferentes ámbitos.

A maiores, a segunda convocatoria destas axudas publicouse xa no Diario Oficial de Galicia (DOG) por valor de 4 millóns de euros para formar a 2400 traballadores e persoas sen emprego en 245 unidades formativas. O prazo para solicitar estes apoios remata o próximo 6 de agosto. Nas unidades para desempregados investiranse 1,8 millóns para formar a 900 parados a través de 60 unidades. Doutra banda, para cualificar a 1500 ocupados destinaranse 2,25 millóns de euros para poñer en marcha 185 cursos.

Un novo modelo formativo

Trátase, en palabras de Conde, do programa de formación á carta que se imparte en empresas más ambicioso de todo o Estado e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que a Xunta está impulsando o emprego estable e de calidade.

De feito, a proposta das propias firmas, a través da primeira convocatoria, deseñáronse 27 programas de formación á carta que foron aprobados polo Estado. Así, grazas á iniciativa da Xunta, hai 27 novos itinerarios formativos, axeitados ás necesidades produtivas, que agora terán validez en toda España. Cabe destacar dúas novas especialidades de soldadura e unha programación avanzada en robótica industrial e técnicas de automatización.

Con este programa, segundo o conselleiro, Galicia é pioneira en promover un novo modelo formativo flexible e axustado ás necesidades do tecido produtivo galego co foco posto nos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0. Ademais, o titular de Economía tamén puxo en valor os proxectos apoiados pola Xunta no ámbito da fábrica intelixente e a internacionalización e as axudas á dixitalización das pemes galegas.

Do que se trata con todas estas medidas é de seguir impulsando a automoción consolidando a súa boa evolución. En 2017 e, segundo os datos de Ceaga, o sector facturou case 8700M€, un 4,3% máis que en 2016; creou 950 novos empregos, chegando aos 20.800 traballadores directos; e bateu o seu récord histórico en exportacións de compoñentes, cun incremento do 21,6%.

17 de xullo de 2018 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.