publicidade hoxe

Díaz Mouteira aposta polos obradoiros para crear emprego de calidade

Díaz Mouteira na visita ao obradoiro "Terra de Mosteiros"

Díaz Mouteira na visita ao obradoiro “Terra de Mosteiros”

Un total de 23 persoas desempregadas recibiron hoxe de mans da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Terra de Mosteiros 2015” que promove a Mancomunidade voluntaria de concellos da comarca de Ourense. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 205.000 euros.

Marisol Díaz participou no acto de clausura acompañada dos alcaldes de Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Parada do Sil, San Cibrao das Viñas e Xunqueira de Ambía que compartiron este obradoiro.

Mellora da empregabilidade

A máxima representante da Xunta en Ourense destacou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional. “Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou. Na súa intervención, Díaz Mouteira indicou que outras das vantaxes dos obradoiros son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Así, indicou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

Durante os seis meses de duración do obradoiro os 16 alumnos que elixiron o módulo de albanelería e os 7 que optaron pola disciplina de xardinería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. A delegada territorial comprobou os traballos que os alumnos realizaron no entorno do lavadoiro de Golpellás, en Paderne de Allariz.

Ademais, en Baños de Molgas as actuacións centráronse na limpeza e mantemento da área recreativa de Ansuíña e do entorno do campo de fútbol; no concello de Esgos os alumnos acondicionaron o entorno da casa social en Quinta do Monte e acondicionaron o camiño real de San Pedro de Rocas e da aira de Xavedra; en Maceda restauráronse os lavadoiros de Xinzo da Costa e Santirso e limpouse a ruta Penedos da Moura; polo que respecta á Nogueira de Ramuín, os participantes no obradoiro acondicionaron o entorno de tres lavadoiros do municipio –Santa Eulalia de Luintra, Malburguete e Ver de Cima; en Parada do Sil, pavimentáronse beirarrúas do núcleo urbano, acondicionouse o entorno da Fonte de Entrambosríos e a ruta do Canón do Mao; canto ao concello de San Cibrao das Viñas, a actuación levouse a cabo no lavadoiro de Fonte de Vilanova, nas fontes de Carballo e Fonteboa e nas piscinas de Ponte Noalla; e por último, en Xunqueira de Ambía a Casa Social de Armariz, o grupo escolar e a praza do campo e fonte de abaixo foron as infraestruturas obxecto de actuación por parte dos alumnos do obradoiro.

12 obradoiros en 2015

Na provincia de Ourense desenvolvéronse 12 obradoiros de emprego dirixidos a maiores de 18 anos nos que se agrupan 43 concellos e que benefician a un total de 300 persoas desempregadas, entre alumnos e alumnas e persoal directivo, docente e administrativo. O departamento autonómico de Economía, Emprego e Industria destinou o pasado ano a estes programas da provincia preto de 2,2 millóns de euros.

Marisol Díaz Mouteira apuntou que a Consellería destina este ano un total de 14 millóns de euros aos obradoiros de emprego de toda Galicia. “Este esforzo enmárcase na aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral”dixo a delegada territorial.

8 de febreiro de 2016 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.