publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Mato reafirma o compromiso da Xunta co papel activo dos maiores galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNogueira de Ramuín
A-
A+

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego co papel “activo e participativo” dos maiores galegos, ademais de coa “solidariedade interxeracional e o desterro dos tópicos que se asocian aos maiores”. Así o apuntou en Nogueira de Ramuín durante a súa participación no XXV Aniversario de aulas da terceira idade da provincia de Ourense. Este proxecto, pioneiro na formación das persoas maiores, ten delegación en nove cidades galegas: Santiago, A Coruña, Ferrol, Padrón, Lugo, Vilalba, Monterroso, Vigo e Ourense.

“A educación permanente contribúe a que as persoas poidan realizarse persoalmente, reciban formación en especialidades que non puideron cursar ao longo da súa vida, e actualicen constantemente os seus coñecementos, achegándose ás novas tecnoloxías”, considerou Mato, quen valorou que, a estes beneficios, súmanse os de poder coñecer novos compañeiros e fomentar as relacións interxeracionais.

Así, actividades como esta contribúen ao benestar dos maiores xa que “unha vida activa é fundamental para que esta sexa tamén saudable e plena”. De aí que o Goberno galego estea apostando por diversas iniciativas en materia de envellecemento activo.

Mato lembrou, entre outros fitos, que Galicia foi nomeada rexión de referencia do envellecemento activo pola Comisión Europea e recordou que o departamento que dirixe está a impulsar diversas iniciativas como os sistemas avanzados de teleprevención; os centros sociocomunitarios; ou o programa de Benestar en balnearios, que se convocou a semana pasada., e que conta con oferta en 13 balnearios, dos que 5 están en Ourense.

Ademais, tamén se está a colaborar directamente con Ategal para o desenvolvemento das aulas da terceira idade, cun investimento que supera os 1,2 millóns de euros desde 2009; e coas tres universidades galegas e a UNED para levar a cabo o programa da Universidade Sénior.

“En definitiva, desde a Xunta imos seguir esforzándonos para garantir as máximas oportunidades aos nosos maiores para que disfruten dun envellecemento activo, pleno e feliz”, rematou.

28 de abril de 2015 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.