publicidade hoxe

O Concello de Mos adhírese, xunto con Porriño e Salceda, á Rede de Cidades Contra o Consumo de Alcohol en Menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosO PorriñoSalceda de Caselas
A-
A+
Presentación da campaña

Presentación da campaña

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o alcalde do Porriño, Nelson Santos e o rexedor local de Salceda de Caselas, Marcos Besada, asinaron esta mañá no Concello do Porriño o convenio de adhesión á Rede Española de Cidades Contra o Consumo de Alcohol en Menores que promove FEBE, Federación Española de Bebidas Espirituosas.

Ademais dos rexedores municipais, estiveron presentes neste acto o responsable de proxectos de FEBE, Jacobo Peña, e as edís responsables desta iniciativa nos tres Concellos adheridos hoxe conxuntamente ó proxecto ‘Menores nin unha gota. Máis de 100 razóns para que un menor non beba alcohol’, a mosense Kely Monzón, Loli Castiñeiras de Salceda e Teresa Veloso do Porriño.

Deste xeito Mos, Porriño e Salceda pasan a formar parte da vintena de Cidades en Rede existentes ó longo e ancho da xeografía española; e eríxense como municipios pioneiros en Galicia que pasan a formar parte desta iniciativa.

A campaña pretende dirixirse a dous públicos obxectivos: os pais ou familias e os propios menores, coa finalidade de ofrecer alternativas de ocio que se afasten do modelo de consumo de bebidas alcohólicas imperante na sociedade ata o de agora. Trátase ademais con este proxecto de reforzar e ampliar as propias campañas municipais de prevención e loita contra o consumo de alcohol en menores de idade que cada un dos tres Concellos desenvolve.

No caso de Mos a administración local leva dende o 2009 apostando con forza por iniciativas de prevención, educativas e de erradicación. Son exemplos delo o programa Noites Vivas no que se ofrece ós mozos e mozas mosenses unha alternativa ó consumo de alcohol mediante actividades nocturnas de ocio saudable, charlas nos centros educativos do Concello e medidas coas que se logrou erradicar o macro botellón nas inmediacións da discoteca Queen en Sanguiñeda.

Arévalo, alcaldesa de Mos, destacou neste sentido a “importancia de educar dende a base á poboación máis cativa aúnando esforzos en tres ámbitos: o escolar, o familiar e o hosteleiro”.

Así estes tres municipios do Val da Louriña únense para buscar solucións conxuntas ós problemas sociais comúns presentes e futuros, seguindo a premisa de que a unión fai a forza. Deste xeito, os tres alcaldes coincidían en asegurar esta mañá que na prevención está a clave.

4 de decembro de 2014 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.