publicidade hoxe

Refórzase a seguridade na vía de alta capacidade Brión-Noia coa instalación de balizas e sinais informativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBriónLocal PortadaNoia
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de comezar a instalación de novos sinais informativos e balizas que intensifiquen a diferenciación dos sentidos da marcha na Vía de Alta Capacidade Brión-Noia, co obxectivo de reforzar a seguridade desta estrada de calzada única.

Estas medidas buscan incrementar a atención dos condutores sobre o feito de que están a circular por unha vía de dobre sentido e adapten a súa condución e a velocidade a esa circunstancia.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a actuar con ese obxectivo nesta vía CG -1.5, na que o pasado mes de novembro se rexistrou o primeiro accidente con vítimas mortais desde a súa entrada en servizo no ano 2011.

Esta infraestrutura rexistraba ata ese momento uns índices de sinistralidade baixos, e ata o de agora non acadou os índices de intensidade de tráfico que se toman como referencia para acometer o desdobramento e conversión en autovía. Non obstante, tendo en conta que o tráfico está a rexistrar un incremento gradual e, logo do sinistro rexistrado, o Goberno galego adopta medidas que reforcen a seguridade na circulación.

Así, instalaranse balizas cilíndricas cada 50 centímetros na separación entre os sentidos da marcha nas zonas nas que non están permitidos os adiantamentos. Estas balizas contribuirán a diferenciar con maior claridade o eixe da estrada, xerando un efecto de estreitamento que redundará na moderación da velocidade por parte dos condutores.

Ademais reforzarase a sinalización vertical coa colocación dun total de 7 carteis informativos, nos que se recorda a necesidade de extremar a precaución, así coma a velocidade máxima recomendada (90 km/hora).

Máis medidas

Paralelamente, a Xunta actuará en coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico para a articulación de máis medidas que contribúan a incrementar a seguridade viaria nas estradas galegas. Así analizarase co organismo estatal o reforzo da información aos condutores e das medidas de control das normas de tráfico nos treitos nos que se rexistren problemas recorrentes.

Analizarase a adopción de medidas similares noutros tramos de vías de alta capacidade da rede autonómica nos que se considere necesario por motivos de volume de tráfico ou pola sinistralidade rexistrada.

En Galicia existen 19 vías autonómicas de alta capacidade con calzada única, que ofrecen unhas condicións máis seguras para os desprazamentos e no seu conxunto rexistran índices de sinistralidade inferiores á media do conxunto da rede autonómica de estradas.

4 de decembro de 2014 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.