publicidade hoxe

O protocolo de colaboración en materia de política lingüística elixe de novo Santiago para celebrar a súa reunión anual

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na reunión anual da comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Navarra e o País Vasco para establecer unha estrutura de colaboración entre os departamentos de política lingüística das comunidades autónomas con lingua propia.

Durante a xuntanza, que volve acoller a capital galega despois da correspondente ao ano 2022, os membros deste colectivo expuxeron os avances nalgúns dos asuntos postos sobre a mesa na última reunión. Acompañados de Anna Solé, xefa da Unidade de Multilingüismo da Comisión Europea, centráronse nos dous puntos principais da orde do día: a elaboración dunha unidade didáctica para difundir o multilingüismo entre todos os centros españois e a tradución xurada en cadea, que permitiría habilitar a tradución dos documentos oficiais nas linguas cooficiais.

A reunión enmárcase na celebración da Asemblea Xeral e da Conferencia Anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), que reunirá entre o xoves e o venres na Cidade da Cultura máis de medio cento de expertos en materia lingüística de toda Europa, entre eles os membros deste Protocolo.

Promoción da diversidade lingüística

A NPLD é unha organización de ámbito europeo que nace no 2008 para impulsar a cooperación e o intercambio mutuo de experiencias entre os seus socios, favorecer a promoción da diversidade lingüística na Unión Europea e servir de grupo de presión en materia de política lingüística nas institucións europeas.

Na actualidade está composta por 39 membros entre os que se inclúen institucións académicas, organismos gobernamentais e colectivos sociais dedicados á promoción social, o estudo e o ensino de linguas minoritarias de Europa.

24 de abril de 2024 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.