publicidade hoxe

A Xunta prevé investir case 3 M€ para reorganizar preto de 1.000 hectáreas a través das dúas novas concentracións parcelarias decretadas en Castroverde e Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáCastroverdeGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Encontro informativo cos veciños afectados

Encontro informativo cos veciños afectados

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantén hoxe dous encontros informativos con veciños beneficiados polas novas concentracións parcelaria decretadas nos concellos lugueses de Castroverde e Becerreá, co fin de informalos sobre as particularidades de cada un dos procesos, e mediante os cales a Xunta prevé reorganizar unha superficie de case 1.000 hectáreas.

Así, a primeira das reunións foi cos beneficiarios da parcelaria de Riomol, no concello de Castroverde. Este proceso prevé reorganizar unha superficie de 494 hectáreas, dividida en 1.192 parcelarias propiedade de 143 veciños. Neste proceso, a Consellería do Medio Rural ten previsto investir preto de 1,5 millóns de euros.

Seguidamente, a directora xeral trasladarase ao concello de Becerreá para abordar cos veciños de Guilfrei as características deste novo proceso, que prevé reestruturar unha superficie de 441 hectáreas divididas en 1.871 parcelas, propiedade de 142 veciños. Neste caso, o orzamento previsto pola Consellería ascende a algo máis de 1,3 millóns de euros.

Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, estes procesos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Desta forma, en Castroverde veranse beneficiadas 22 explotacións e en Becerreá 31 granxas agropecuarias.

Estas dúas parcelarias forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Para isto, a Consellería ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación. Ademais, este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. O obxectivo é acadar a trintena de procesos -tanto decretados como finalizados- no primeiro semestre deste ano.

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a entrada en vigor da norma, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

13 de marzo de 2023 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.