publicidade hoxe

A Xunta ve necesario contar con datos científicos actualizados para tomar decisións adaptadas á realidade do sector marítimo-pesqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de contar con datos científicos actualizados co obxectivo de que as decisións que adopten as distintas administracións no eido marítimo-pesqueiro se correspondan coa realidade do sector. Unha cuestión que a Comisión Europea non tivo en conta na publicación do regulamento de execución que establece o veto á pesca de fondo en 87 zonas de pesca comunitarias, engadiu a titular de Mar.

Así o sinalou durante a conferencia Sustentabilidade do complexo mar-industria que se enmarca nas actividades da área de Pesca da Real Liga Naval Española e na que participou de xeito telemático. Alí tamén fixo fincapé en que se trata dunha medida arbitraria e sen base científica da Comisión Europea que difire co equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais que defende a Política Pesqueira Común.

Ademais sinalou que o veto está a ter un importante impacto no sector pois no primeiro mes de restricións os datos provisionais reflicten unha caída de arredor do 50% nas descargas da frota e de máis do 20% no caso da facturación. Nesta liña, sinalou que Galicia valora que o Goberno central presentase o recurso contra o veto á pesca de fondo, pero considera necesario que solicite a súa suspensión temporal pois sería un bo respaldo para o sector.

Rosa Quintana tamén puxo en valor o labor da frota pesqueira galega no coidado dos recursos mariños e a súa contribución á sustentabilidade. Nesta sentido, subliñou que a súa actividade ten unha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica e que subministra alimentos de calidade á cidadanía. Por iso é vital, incidiu, contar con políticas que apoien o desenvolvemento futuro do sector marítimo-pesqueiro.

Un sector cun volume xeral de produción e comercialización duns 9.000 millóns de euros, segundo reflicten as Táboas input-output pesca-conserva galegas 2019, elaboradas por encargo da Xunta polo grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela. Estas táboas tamén dan conta, destacou a conselleira, da influencia do sector do mar no resto de actividades da economía pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

En relación coa revisión da Política Pesqueira Común, Rosa Quintana detallou os cinco eixos estratéxicos que defende o ditame elaborado polo Consello Galego e que son a aposta pola remuda xeracional, o comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

A maiores, a titular de Mar agradeceu á Real Liga Naval Española o seu labor a prol da defensa dos intereses marítimos e en particular ao director da súa área de pesca, Juan Manuel Vieites pola súa experiencia e implicación nos 30 anos que estivo na dirección de Anfaco ao servizo da industria conserveira.

Real Liga Naval Española

A Real Liga Naval Española (RLNE) é unha institución centenaria de carácter privado, sen ánimo de lucro e recoñecida polo Estado como de utilidade pública. Dispón de delegacións en España, Italia e Florida e entre os seus obxectivos están a promoción e defensa dos intereses marítimos e das actividades relacionadas co mundo do mar como a organización de conferencias. A súa área de pesca está dirixida por Juan Manuel Vieites e ten como fin protexer e defender o medio mariño e a pesca sustentable.

17 de novembro de 2022 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.