publicidade hoxe

A Xunta destina case 1M€ á organización do xuízo do Alvia para a súa celebración na Cidade da Cultura desde o 5 de outubro

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou hoxe xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Vázquez Reboredo, o dispositivo previsto para acoller no edificio CINC da Cidade da Cultura o xuízo oral polo accidente do tren do Alvia producido en xullo de 2013. O xuízo, que comezará o vindeiro 5 de outubro, prolongarase por un prazo estimado de 9 meses e contará con máis dun cento de avogados.

Diego Calvo lembrou que a Xunta seguiu desde o primeiro momento as indicacións do xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela respecto ás súas necesidades para garantir o correcto desenvolvemento de todo o proceso xudicial co obxectivo de prestar os medios requiridos. Deste xeito, a Vicepresidencia Segunda formalizou o pasado xullo a encomenda da xestión e do desenvolvemento do xuízo á Fundación Cidade da Cultura por un importe de case 1 millón de euros.

A encomenda -explicou o vicepresidente segundo- inclúe o orzamento necesario para habilitar as salas e as instalacións que precisa un xuízo desta envergadura. En concreto, abarca o investimento para sufragar os servizos e subministracións precisos para a súa celebración, traballos de carpintería para construír o estrado do tribunal e sobre o mesmo os mesados para todos os intervenientes, dotados cos medios tecnolóxicos necesarios
-incluídos imaxe e son para radio e televisión- así como a contratación dun sistema de seguridade e limpeza.

Deste xeito, reservaranse o primeiro andar e o andar baixo do edificio CINC para acoller o xuízo. No primeiro andar situarase a oficina xudicial con catro despachos e unha oficina aberta xunto coa sala de vistas, que contará con todo o equipamento tecnolóxico preciso para a gravación das sesións e con espazo, entre outros, para a xuíza, o Ministerio Fiscal e persoal xudicial.

Por outra banda, no andar baixo instalaranse a sala de togas, a sala de prensa con 52 postos de traballo, 93 butacas e 1 pantalla de seguimento; ademais dunha sala de público con 103 butacas e 1 pantalla de seguimento.

Previamente á sinatura da encomenda, a Xunta traballou na elección dun lugar alternativo debido a que as instalacións xudiciais en Santiago de Compostela non dispoñían de capacidade suficiente para a celebración do acto do xuízo, polo que foi preciso localizar un espazo adecuado no ámbito territorial do partido xudicial de Santiago. Nesta liña, a Cidade da Cultura foi o emprazamento escollido tendo en conta que cumpría con todos os requirimentos relacionados coa facilidade de acceso e de superficie mínima esixida tanto no espazo exterior como nas dependencias interiores.

9 de setembro de 2022 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.