publicidade hoxe

Román Rodríguez salienta a aposta da Xunta por reforzar o valor cultural da casa de Rosalía de Castro tras contribuír a rehabilitar o seu auditorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPadrónPortada esquerda
A-
A+
Visita ás novas instalacións

Visita ás novas instalacións

Coincidindo coa data na que se conmemora o falecemento de Rosalía de Castro, o 15 de xullo de 1885, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a casa-museo da escritora onde comprobou o resultado da rehabilitación do seu auditorio. A Xunta destinou 100.000 euros ao abeiro dun convenio de colaboración asinado coa Fundación Rosalía de Castro.

En palabras do titular de Cultura da Xunta, esta intervención contribuirá a “reforzar o valor cultural” da casa da escritora e servirá para seguir apoiando “o gran labor pedagóxico que leva realizando desde a súa posta en marcha para difundir o legado de Rosalía de Castro entre todos os públicos”, indicou.

A reforma do edifício permitiu aumentar a capacidade do espazo, para o que se realizou unha readecuación completa do interior do auditorio. Introducíronse melloras que teñen que ver co confort térmico da sala, illamento, calefacción e ventilación de acordo ás novas demandas e normativas. Tamén se realizaron adaptacións de mellora do confort acústico en tanto se trata dun lugar cunha demanda continua para os usos musicais e de comunicación oral e audiovisual.

Preto de 300.000 euros

“Co apoio á rehabilitación do auditorio damos continuidade ao compromiso iniciado pola Xunta nos últimos anos para acondicionar este histórico inmoble cun investimento global próximo aos 300.000 euros que se suma á nosa colaboración permanente ás actividades que realiza a Fundación Rosalía de Castro”, expresou o Conselleiro. De feito, este apoio súmase á achega feita pola Administración autonómica nos últimos anos para actuacións de acondicionamento e reforma no seu complexo de Padrón.

No ano 2017 colaborouse para intervir nos edificios anexos á Casa-Museo Rosalía e renovouse en 2019 co fin de levar a cabo actuacións de acondicionamento no pavimento dos xardíns exteriores. Ademais, a Xunta forma parte do Padroado da Fundación e contribúe todos os anos nas súas actividades e funcionamento a través dun convenio.

14 de xullo de 2022 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.