publicidade hoxe

Medio Ambiente insta ao Goberno central a aprobar a inclusión do Parque Nacional Illas Atlánticas na lista Ramsar de humedais protexidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaO GrovePortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia aspira a que o Parque Nacional das Illas Atlánticas sexa incluído este ano na lista Ramsar de zonas húmidas protexidas, un distintivo creado para recoñecer os espazos deste tipo máis representativos do mundo. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante un acto no Grove para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que desde 1971 se celebra cada 2 de febreiro.

Hai algo máis dun ano, como lembrou a conselleira, a Xunta presentou oficialmente a súa proposta para incluír as Illas Alánticas na lista Ramsar, e nestes momentos tan só está pendente de aprobación por parte do Consello de Ministros. Por esta razón, instou ao Goberno do Estado a “actuar canto antes” e permitir así que o parque nacional obteña esta nova distinción en recoñecemento á súa representatividade das zonas húmidas mariñas e costeiras da costa atlántica ibérica e ao seu gran estado de preservación.

Cada 2 de febreiro se celebra en todo o mundo o día dos humedais, co fin de conmemorar a sinatura do convenio Ramsar no que se plasmou o primeiro acordo internacional para protexer estes espazos. Nesta ocasión, o lema escollido é ‘Zonas húmidas para un futuro sostible’ e co fin de conmemoralo, a conselleira participou esta mañá nun acto de posta en valor destes espazos na aula da natureza do Monte Siradella, no Grove.

Precisamente, o complexo intermareal Umia-O Grove é unha das cinco zonas húmidas de Galicia recoñecidas polo convenio Ramsar. Neste sentido, a conselleira resaltou o feito de que se trata do humedal máis importante da comunidade, con preto de 2.600 hectáreas de extensión que abranguen 5 concellos e un dos “mellores lugares de España” para a observación de aves invernantes. De feito, estímase que en total concorren neste espazo para pasar o inverno máis de 18.000 especies de aves.

A responsable de Medio Ambiente incidiu no traballo desenvolvido polo seu departamento para manter e conservar este espazo natural para que siga sendo “un referente medioambiental” na comunidade. Con ese obxectivo, lembrou que na última década a consellería realizou un investimento de máis de 770.000 euros nesta zona húmida, un traballo que sigue a día de hoxe con varias obras en marcha, entre as que citou unha senda peonil no itsmo da Lanzada, actuacións para a preservación da zona dunar das praias de Areas Gordas e A lapa (Sanxenxo) ou a recuperación de zonas grises e mellora do bosque de ribeira en Carreirón (Cambados).

Por último, Ángeles Vázquez tamén se referiu ás outras catro zonas húmidas de Galicia incluídas na lista Ramsar: a ría do Eo, a ría de Ortigueira e Ladrido, as praias, lagoa e dunas de Corrubedo e a lagoa de Valdoviño.

Todas elas xunto co complexo intermareal Umia-O Grove son espazos “con sobradas características para ser recoñecidos a nivel internacional” e a conservación da súa biodiversidade xoga un papel fundamental na loita contra o cambio climático, tal e como recalcou a conselleira, que se mostrou convencida de que este ano sumarase a ese listado o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

1 de febreiro de 2019 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.