publicidade hoxe

Sanidade recibiu 814 enquisas con aportacións da cidadanía para reformular o novo modelo de atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Sanidade xa recibiu, a través da plataforma É-Saúde, un total de 814 enquisas achegadas pola cidadanía, co obxecto de reformular o novo modelo da atención primaria para os vindeiros 25 anos.

Neste proceso que está a levar a cabo o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña co propósito de abordar propostas a curto, medio e longo prazo, coas que afrontar o reto do envellecemento poboacional e as dificultades para dispoñer de profesionais que afecta ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde, hoxe reuníronse no Edificio Administrativo de San Lázaro os colectivos de odontólogos e hixienistas dentais e as matronas, e mañá acudirán os pediatras e os médicos e enfermeiros dos Puntos de Atención Continuada.

Sanidade quere remarcar a alta participación dos profesionais que conforman os grupos de mellora. Tamén está a ser moi destacada a participación que se leva a cabo a través do correo electrónico, por parte de todas as categorías de atención primaria.

A Administración sanitaria galega volve a facer un chamamento á participación dos profesionais, que canalicen as súas achegas a través dos buzóns electrónicos, que estarán abertos ata o 31 de xaneiro. Todas as suxestións serán avaliadas e debatidas polos grupos de mellora. O departamento sanitario galego é consciente de que canto máis participativo sexa o proceso máis van a estar representados todos os profesionais.

Cómpre lembrar que o plan de traballo acordado programouse para poder contar coas primeiras conclusións de expertos no vindeiro mes de febreiro.

22 de xaneiro de 2019 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.