publicidade hoxe

A Agadic contribúe á formación en danza co apoio ao taller que Diego Sinniger impartirá no festival Quincegotas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O coreógrafo e bailarín barcelonés Diego Sinniger impartirá o próximo sábado 22 de setembro un taller de movemento no marco do festival coruñés Quincegotas, unha actividade formativa que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para contribuír á promoción da danza.

O obradoiro, de matrícula gratuíta e con inscrición xa aberta, terá lugar no Centro Ágora con diferentes accións e exercicios para desenvolver desde a consciencia un material que implique a sucesión de movementos polo espazo, sen deixar que o xuízo interveña na realización destes.

Nos seus anos como pedagogo, Sinniger ten comprobado como o bailarín está na busca interna do seu movemento persoal, o que para cada quen é o seu universo. Por iso, durante o taller pasarase por pequenas nocións de teatro e interpretación, para conseguir a progresiva desinhibición e adquirir un estado que se reflicta unicamente mediante o movemento e non a través dunha estética ou unha superficialidade sen emoción.

Na metodoloxía a empregar traballaranse cinco puntos clave: a toma de consciencia do corpo, o quecemento e exploración da capacidade muscular, o reforzo físico (para o que se utilizarán técnicas propias das artes marciais e de psicomotricidade avanzada), o desenvolvemento sensitivo extraendo o sentido do vista e, por último, a aplicación dos coñecementos sobre pezas de repertorio.

O taller é unha das propostas formativas que se levarán a cabo no marco do festival Quincegotas, que celebrará a súa cuarta edición do 21 ao 22 de setembro en distintas rúas e prazas da Coruña e de Oleiros. Baixo a organización da empresa galega de xestión cultural Artestudio, Quincegotas sitúa a danza lonxe das butacas dos teatros para convertela nun elemento máis de convivencia nos espazos comúns das cidades. Son 12 as compañías galegas e de fóra de Galicia as que actuarán este ano.

Bailarín híbrido

Diego Sinniger é un bailarín híbrido. De moi novo, apaixónase polo hip hop e pola cultura urbana. Decide formarse en varias técnicas na escola Varium (Barcelona). Moi rápido, as súas inquietudes lévano a afondar na danza contemporánea.

Como artista versátil, integra grupos de danza como Brodas, Cobosmika, Lali Ayguade, Roser López Espinosa, Uniq ou Dblock, entre outros.

No Quincegotas levará a cabo a estrea en Galicia de dous dos seus últimos espectáculos: Dis-Connect e Liov.

17 de setembro de 2018 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.