publicidade hoxe

O IGAFA acolle á tartaruga Antares para a última fase da súa recuperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaNigránPontevedraPortada dereita
A-
A+
Tartaruga Antares

Tartaruga Antares

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), dependente da Consellería do Mar, acolle desde hoxe á tartaruga mariña Antares para a última fase da súa recuperación. Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo a Xunta desde o ano 2013 coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.

O animal de 71 centímetros de lonxitude e 24 quilos de peso, apareceu nas redes dunha embarcación nas proximidades da Illa Coelleira, no Vicedo, o 6 de decembro de 2017 e foi trasladada á UCI do establecemento veterinario do CEMMA, en Nigrán.

Tras unha evolución favorable e dado que na nosa comunidade non era posible proporcionarlle unha instalación con auga mariña e temperatura ambiental axeitada –xa que é unha especie propia do Caribe-, os veterinarios do CEMMA decidiron trasladar a tartaruga ás instalacións da ARCA del Mar do L`Oceanográfic de Valencia, encargados da asistencia e rehabilitación das tartarugas mariñas varadas nesa zona costeira mediterránea. Despois de que o animal recuperase o seu aspecto e condición de saúde, recuperando o peso, a mobilidade, a capacidade de mergullo e a alimentación decidiuse trasladala ao IGAFA para que pase a última fase da súa recuperación.

Así, Antares permanecerá uns días nas instalacións do IGAFA para adaptarse ás condicións mariñas da ría de Arousa, onde será liberada para que poida continuar o seu camiño cara ás augas do Caribe. Con este acollemento, o instituto da Illa de Arousa incorpora a experiencia para o tratamento das tartarugas mariñas, xa que é a primeira vez que acolle un animal deste tipo.

Cabe lembrar que o IGAFA xa ten participado na recuperación de seis exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016 e 2017 e outros dous este ano. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de especies mariñas.

6 de xuño de 2018 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.