publicidade hoxe

O CDG converte en escenarios o ambigú, o montacargas e o gardarroupa do Salón Teatro de Santiago

O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por segundo ano consecutivo o seu programa Teatro Ob-sceno, que abre á creación artística e ao público diferentes estancias da súa sede no Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Desta volta, o ambigú, o montacargas e o gardarroupa acollerán do venres 25 ao domingo 27 dous pases diarios, ás 19,00 e ás 20,30 h., das pezas Amor de Helen Bertels, Deixa de tocala, Sam de AveLina Pérez e Barbarie en branco e negro de Josi Lage.

As tres creadoras ultiman estas postas de escena especiais como parte do programa En Residencia, a través do que o CDG lles presta tamén apoio técnico. Así o explicaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora do CDG, Fefa Noia, na presentación deste ciclo xunto ás tres creadoras e intérpretes.

Nas seis sesións programadas, pensadas para un reducido número de espectadores en cada localización, o público irá percorrendo as devanditas dependencias do Salón Teatro para gozar dunha peza en cada unha delas.

Visión feminina

A primeira, Amor, será escenificada no ambigú por parte de Helen Bertels. Nesta peza, a creadora e intérprete alemá, vinculada desde hai moitos anos á escena galega, propón o inicio dunha busca arredor da esencia da muller, do seu saber oculto baixo séculos de patriarcado. Contou para desenvolvela con Gena Baamonde como axudante de dirección, Paulina Funes na iluminación, Vaello no deseño de vestiario e Belém Brandido na produción.

Pola súa banda, AveLina Pérez porá en escena Deixa de tocala, Sam no montacargas, con iluminación de Daniel Casqero. O punto de partida da súa creación, ten lugar nos nosos días, nun tempo en que “os referentes se esnaquizan contra o chan, nun golpe seco, e os varredores de lixo recollen o lixo nas bolsas de lixo”, como explica a súa directora e dramaturga, multipremiada precisamente polas súas pezas de teatro breve.

O gardarroupa do Salón Teatro acollerá Barbarie en branco e negro, performance escénica de Josi Lage, coñecida intérprete de teatro, televisión e cinema, ademais de directora do Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño. Neste caso, pon en escena unha peza, creada e dirixida por Esther F. Carrodeguas, arredor dos prexuízos e pensamentos incontrolables que agochan as persoas baixo unha aparencia de normalidade.

As entradas para cada unha das sesións do ciclo Teatro Ob-sceno teñen un prezo único de 5 euros e poden adquirirse por adiantado a través do web entradas.abanca.com ou do teléfono 902 434 443. Ademais, o despacho de billetes do Salón Teatro estará aberto de venres a sábado desde as 17,00 h.

23 de maio de 2018 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.