publicidade hoxe

A Xunta solicita a licenza municipal para a construción de 40 vivendas de promoción pública no Parque Ofimático da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia presentou hoxe a nova solicitude de licenza municipal para a construción de 40 vivendas de promoción pública nunha parcela da súa propiedade no parque Ofimático da Coruña co obxectivo de licitar no menor tempo posible as actuacións.

O proxecto presentado hoxe ante o Concello da Coruña para a concesión da licenza municipal recolle as esixencias municipais e mantén exactamente as mesmas características do anterior e que motivaron a denegación da licenza, con 40 vivendas de dous, tres e catro dormitorios divididas en catro portais que conservan a superficie do proxecto inicial e das cales dúas están adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

A única diferenza entre o proxecto inicial, rexeitado polo concello, e o presentado hoxe é que os rochos das vivendas se trasladan do andar baixo do edificio aos sotos nos que se emprazan os garaxes, mentres que a planta baixa queda destinada a cinco locais comerciais, ademais dos catro portais.

A Xunta agarda axilidade na tramitación da licenza municipal, xa que a anterior solicitude tardou nove meses en ter resposta, pois foi solicitada en decembro de 2016 e o concello non se pronunciou ata setembro de 2017, impedindo que a obra fose licitada o ano pasado, tal como tiña previsto o Goberno galego.

Os Orzamentos da Xunta para 2018 inclúe unha partida de preto de 2 millóns de euros para o inicio da construción destas 40 vivendas de promoción pública, nas que en total se investirá preto de 5 millóns.

21 de febreiro de 2018 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.